Xesús Mazaira, de Airas Moniz: «Quen queira os nosos queixos, ten que ir ao noso ritmo»

G.V. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

La Voz

Organizado por La Voz e patrocinado por Abanca, o foro sobre o medio rural chegou a Carballo. A multipremiada queixaría de Chantada explicou como foi o seu camiño de emprendemento na súa terra

09 may 2025 . Actualizado a las 10:37 h.

Estudou Ciencias Políticas, foi funcionario durante 14 anos, xestionou un pazo e tivo unha axencia de seguros. Con todo, «sempre me fervía na cabeza o mundo empresarial». Xesús Mazaira acadou o seu soño. Ter un proxecto empresarial na súa terra, Chantada. Con Airas Moniz chegou o éxito, pero non esconde que houbo momentos de bágoas.

Unha das grandes queixarías do país foi a protagonista da última cita do foro O futuro para o mundo rural: retos e oportunidades, que se celebrou no pazo de Villar de Francos, en Carballo. Organizado por La Voz de Galicia, patrocinado por Abanca, coa colaboración da Fundación Juana de Vega, a Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Carballo, este ciclo pretende compartir ideas e construír un futuro mellor para o medio rural.

Xesús Mazaira trasladou da Ribeira Sacra á Costa da Morte a historia de proceso de creación de Airas Moniz. Unha idea da que xa falaba de rapaz co seu socio Ricardo Gómez, que tiña unha gran explotación láctea. «Custábame entender como unha comarca tan gandeira non lle daba valor engadido ao leite», explicou no foro.

A vida de Xesús e Ricardo seguiu á par e, xa de adultos, deron o salto. O lácteo xa cambiara. «No 2008 o prezo do leite era baixo e os custos de produción, moi altos. Estaba a erosionarse a terra e non se lle deixaba un futuro aos fillos». Así, no 2011, xunto con Ana Vázquez, arrancaron Airas Moniz. Foron seis anos de recuperación das terras, de elección da raza das vacas e de formación. «Non tiñamos nin idea de queixo nin de derivados lácteos». Aínda que de primeiras pensaron facer produto baixo o paraugas de Arzúa-Ulloa, decatáronse de que non era o camiño. O mestre queixeiro José Luis Martín sacoulles a venda. «Non nos iamos diferenciar. Descubriunos un mundo que nos apaixonou. Na volta dunha viaxe polos Alpes franceses pensamos tres cousas: os queixos con sona en Europa eran de leite cru. As razas das vacas eran autóctonas e controlábase a alimentación animal». Con estas bases pasaron de intensivo a pastoreo e da frisona á Jersey. «Tiñamos claro que a calidade tiña que primar por encima da calidade». Con todo, chegaron os atrancos. No 2017, lanzaron Terra, un queixo do país de pasta branda. «Antes lavábase a cortiza para que non nacera o mofo natural, que lle aporta sabor. Nós maduramos en cámara e deixamos que medre. O leite é cru e o que comen os animáis está no sabor do queixo». Con ese primeiro produto gañaron un premio e iso case os arruína. «Pasamos de elaborar 300 litros á semana a 400 ao día. Perdemos o control e tivemos que tirar todos os queixos da cámara». Ese gran fracaso levounos á senda do éxito. «Decidimos que, quen queira os nosos queixos, ten que ir ao noso ritmo». Iso inclúe visitar a súa queixaría. «Da igual que sexan Ángel León ou Martín Berasategui. Queremos que vexan os animais e como pastan fóra, que non se lles da ensilado e o traballo manual que hai. Que vexan que temos honestidade e facemos o que dicimos. Iso posicionounos».

ANA GARCIA

Apoios e dificultades

O cociñeiro Pepe Solla foi un dos seus grandes apoios. Para el fan un queixo exclusivo chamado Melia. A Gordon Ramsay puxérono a facer queixo e manteiga e, mantendo a súa esenza, os premios seguiron. O último, o do Salón Gourmets, foi para a súa gran xoia: Savel. «Queriamos facer algo diferente. Pensamos que se consumía menos queixo azul. A clave foi non ter prexuizos».

Tampouco teñen problemas por seguir co que cren: traballar por e para a súa terra de forma sostible. «Producimos 800 litros de leite ao día. Os sábados desnatamos uns 500 para facer nata e manteiga. Se fixésemos máis queixos, máis venderiamos».

Galicia non foi, iso si, o seu principal mercado, pero é aquí onde queren medrar. «Temos problemas neste sentido. Hai terreo abandonado diante da queixaría e non conseguimos mercalo nin alugalo. Non podemos ter terra sen producir». É unha das trabas actuais, como antes foron os permisos —«esixen os mesmos requisitos a una empresa así que a unha que se instala nun polígono na cidade»—, a inexistencia da fibra óptica ou o mal acceso á súa queixaría. «Non hai políticas activas que axuden a emprender. Conseguimos, iso si, crear emprego. Somos 11 e a nosa xente está orgullosa de traballar no campo, de que teñamos relación coas empresas da zona, estamos volcados no turismo, facemos visitas guiadas... ao final é todo un tecido».

Uns argumentos que foron a previa a un coloquio no que participaron Evencio Ferrero, alcalde Carballo, Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas, e Óscar Salgado, director territorial de Abanca na Coruña.

Para o rexedor da capital de Bergantiños o apoio de todas as administracións ao medio rural debería ser prioritario. «Galicia é un gran país e debemos facer un país máis grande», reflexionó.

Para Insua a clave está nas vivendas e comunicacións «para que máis xente poida vivir aquí», mentres que Salgado puxo en valor o potencial da terra. «Somos ricos en recursos. Necesitamos iniciativa porque podemos aportar valor ao produto da terra».

«Temos que querenos e quitarnos complexos»

Inclusión, especialización e apego aos clientes. Así resumiu o director territorial de Abanca na Coruña o compromiso da entidade co medio rural. «Galicia é a comunidade co mellor ratio de inclusión financiera. Se hai 313 concellos, prestamos servizo en 303. É o noso compromiso, ademais da especialización para entender as necesidades dos clientes, como facemos con Abanca Agro ou Abanca Mar», explicou Óscar Salgado durante a conversa na que os expertos puxeron sobre a mesa tanto as dificultades de emprender lonxe das cidades, coma os problemas para dar servizos de calidade. Con un Carballo de 318 núcleos, Evencio Ferrero explicou que «ter servizos de calidade é máis custoso en Galicia que noutros puntos de España. Mentres non se resolva o financiamento xusto para as administracións locais, imos ter dificultades», apuntou. Na mesma liña, a alcaldesa de Camariñas apuntou á falta de vivienda no seu concello. «É imposible alugar un piso. A Administración autonómica vai ter que limitar as licenzas de vivendas turísticas». Sandra Insua fala dende un municipio que ten no encaixe un tesouro que debe pervivir. «Ao sector fáltalle profesionalizarse. Aínda que todas as nenas saben palillar, que non os nenos, teño medo de que no futuro non haxa quen saque adiante pedidos grandes, como o que tivemos de Zara Home». Unha aposta pola actividade propia nos concellos que apoia Abanca. «Estamos case na totalidade da Costa da Morte. Temos convenios con todas as confrarías de pescadores, estamos implicados coa produción láctea e tamén somos a entidade que tramitamos máis axudas da PAC en Galicia. Por non falar do apoio a outras actividades, como o encaixe, o deporte, as exposicións, a limpeza de praias e as festas de interese turístico. Somos máis ca un banco», resaltou Salgado, a quen os rexedores lle trasladaron tamén as súas peticións.

Durante o coloquio, o alcalde de Carballo sinalou dúas necesidades máis. «Quen que se queira implantar no polígono de Bértoa, non pode. Non hai solo. Carballo ten que ser un bo lugar para vivir e investir. Ademais, os que vivan no rural deben ter os mesmos servizos e as mesmas oportunidades». Un argumento a prol do emprendemento que apoia Mazaira. «Temos que querernos e quitarnos complexos. Estar orgullosos do que facemos e do que somos».