O PSdeG acusa ao PP de «torpedear» o galego como estratexia para desgastar ao Goberno central

GALICIA

Lara Méndez lamenta que os populares non apoien o uso do idioma en Bruxelas despois de apoiar unha iniciativa a favor no Parlamento
27 may 2025 . Actualizado a las 15:09 h.A secretaria de organización do PSdeG e deputada autonómica, Lara Méndez, lamentou este martes que a Unión Europea non votara finalmente a proposta para oficializar o galego como lingua da UE, unha decisión que atribuíu á presión exercida polo Partido Popular, a quen acusou de rachar un acordo parlamentario unánime. Lembrou así que os populares apoiaran a principios de mes unha iniciativa do PSdeG, aprobada por unanimidade na Cámara, para arroupar o uso do galego en Bruxelas.
«Hoxe tiñamos unha oportunidade histórica para que o galego puidese ser recoñecido como lingua oficial na Unión Europea, se o PP non se dedicara a torpedear para conseguir o contrario», reprochou a deputada, lembrando a unanimidade lograda no pleno do Parlamento hai só dúas semanas. Méndez denunciou que o PP actúa «coma sempre, en contra de todo o que propoña ou apoie o Goberno», acusando ao presidente Alfonso Rueda de actuar como «teloneiro de Feijoo» nunha estratexia conxunta «para desgastar ao Executivo central».
A número dous do PSdeG cuestionou os argumentos «peregrinos» do presidente da Xunta, que xustificou o seu rexeitamento este luns, na rolda posterior ao Consello da Xunta, apelando ao custo da medida. «Segundo os seus propios cálculos, custaría doce veces menos que o sobrecuste do hospital Álvaro Cunqueiro. Iso si que saíu caro», criticou.
Fronte ás críticas do PP polo feito de non ter consultado á Xunta, a deputada socialista respondeu con ironía: «Xa é o que nos faltaba, ter que pedir permiso para impulsar a lingua que é de todos e todas». E engadiu que a Cámara xa falou: «O Parlamento representa á cidadanía galega, e xa escoitou aos galegos».
Lara Méndez puxo tamén en valor o peso do galego como lingua viva e comunitaria. «Ten máis falantes ca linguas xa oficiais na UE, como o maltés, o estoniano ou o letón, moitas delas nin sequera maioritarias nos seus propios países. Por que o galego ten que quedar fóra?», preguntou. Advertiu de que «para o PP, o chamado bilingüismo harmónico consiste en relegar o galego a un símbolo folclórico» e cuestionou que defendan a liberdade lingüística «cando fan todo o posible para impedir que o galego avance».