BNG e PSdeG redobran a presión sobre Rueda por «boicotear» o uso do galego no Europarlamento

GALICIA

O presidente galego expón que hai «prioridades moito maiores» ao desembolso que suporá sufragar o emprego do galego en Bruxelas
28 may 2025 . Actualizado a las 17:36 h.Tanto o BNG como o PSdeG comparten estes días acusacións contra o presidente Alfonso Rueda por tentar «boicotear» ou «torpedear» o uso do galego nas institucións europeas. O xefe do Executivo galego respondera o luns que vía «prioridades moito maiores» ca o desembolso que suporía sufragar o emprego do galego en Bruxelas, unha impresión que non comparten os grupos da oposición no Parlamento. Alí, os socialistas impulsaran a comezos de mes unha iniciativa para apoiar o uso do idioma no Europarlamento. A proposta foi aprobada por unanimidade, incluídos, polo tanto, os votos dos 40 deputados do Partido Popular. De aí que a secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, lamentase este martes que o presidente galego optase por «torpedear» o acordo e actuar como «teloneiro de Feijoo» nunha estratexia conxunta «para desgastar ao Executivo central».
As críticas chegaron tamén este martes desde o Goberno, a través do seu delegado en Galicia, o socialista Pedro Blanco, que enviou onte un «recado» a Rueda: «Ten que defender a Galicia, defender ao galego, en todas partes». Blanco subliñou, durante un acto na Coruña, que as declaracións do presidente da Xunta sobre o uso do galego en Europa son «unha mostra do cinismo do Partido Popular de Galicia». «Non é cousa dun presidente dunha comunidade autónoma non defender en todos lados o idioma galego», insistiu.
Desde o BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Silleda a comparecencia do titular da Xunta no Parlamento para explicar as razóns «que o levan a estar traballando en contra dos intereses de Galiza», poñéndolle «cancelas» ao galego. «Por que queren pecharlle portas á nosa lingua cando é o momento de abrilas? Por que o Partido Popular está disposto a traballar unha vez máis en contra do galego?», subliñou Pontón. Sumar Galicia tamén cualificou como «indigno», a través do seu secretario xeral, Paulo Carlos López, que o PP «se opoña activamente ao recoñecemento oficial do galego, éuscaro e catalán nas institucións europeas».
O malestar da oposición chega no ecuador dun ano no que a Xunta de Galicia traballa na elaboración dun novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, para o que se crearon distintos grupos de traballo, nos que o BNG rexeitou participar. Tampouco o fai A Mesa pola Normalización Lingüística, que este martes lamentou o aprazamento da votación para recoñecer o galego como lingua oficial nas institucións europeas e acusou á Xunta de contribuír a «boicotear» ese trámite.