Dixitalizan os fondos do Anteproxecto do Estatuto de Galicia do 36, que «marcou unha senda que non tiña volta atrás»

GALICIA

Preto de 1.100 documentos do proceso están dispoñibles a través da rede froito da colaboración da Xunta e o CSIC
25 jun 2025 . Actualizado a las 22:38 h.O fondo do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936), conformado por nove caixas, con case 1.100 documentos e 6.700 imaxes, estaba custodiado no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Pero agora toda esa documentación na que se pode seguir o desenvolvemento do proceso foi dixitalizada e é de acceso libre, non só para os investigadores, senón para toda a sociedade, a través dun portal do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e moi pronto tamén estará dispoñible a través de Galiciana. Patrimonio dixital de Galicia, plataforma da Xunta. A punto de cumprirse 89 anos do plebiscito —28 de xuño de 1936— no que o documento recibiu o apoio maioritario dos galegos, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que os impulsores del «marcaron unha senda que non tiña volta atrás», xa que foi clave para a aprobación do Estatuto de Autonomía de 1981 ao facilitar o acceso de Galicia á autonomía pola vía rápida como comunidade histórica e con elo poder obter transferencias en eidos tan importantes como a educación e a sanidade. «Non nos podemos esquecer do que fixeron para que Galicia sexa hoxe unha comunidade desenvolvida», engadiu.
Esta dixitalización dunha documentación cun «especial valor patrimonial», tal e como lembrou o conselleiro de Cultura, José López, foi froito da colaboración entre a Xunta e o CSIC para permitir achegarse a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia. «Temos que agradecer aos que soñaron con conseguir a Galicia que hoxe somos», remarcou o representante do Goberno galego na presentación da iniciativa, que se celebrou este mércores en Santiago.
Precisamente, durante o acto, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, referiuse a este proceso do Estatuto como «a gran conquista do pobo galego». En representación do CSIC, entre outros, interveu a vicepresidenta adxunta da área de Cultura Científica, Pura Fernández, que lembrou que a dixitalización dos fondos, permite garantir a accesibilidade aos investigadores, pero sobre todo á cidadanía. A cantante Uxía, acompañada de Sérgio Tannus na guitarra, púxolle música á presentación.
No fondo do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936) atópanse documentos de grande interese histórico, como pode ser un borrador manuscrito. No artigo primeiro recóllese: «Galicia se organiza como región autónoma dentro del Estado español, con arreglo a la Constitución de la República y al presente Estatuto». Despois, o artigo quinto, facía referencia a que «serán lenguas oficiales en Galicia, indistintamente, el castellano y el gallego». Ademais, entre os preto de 1.100 documentos, hai desde actas de reunións, correspondencia, informes e enmendas aos artigos do Anteproxecto. Tamén figura, por exemplo, un telegrama de Castelao anunciando a súa presenza na asemblea preparatoria do 3 de xullo de 1932, así como cartas enviadas por Blanco Amor ou Alexandre Bóveda.
O acceso en liña a todo este fondo é posible a través do Simurg, o portal de acceso ao patrimonio dixitalizado da Red de Bibliotecas y Archivos, xestionado pola Unidade de Recursos de Información Científica para a Investigación do CSIC, que tamén activará unha pasarela para permitir a dispoñibilidade e consulta da documentación a través da plataforma da Xunta Galiciana.