A Xunta propón cambiar máis de 2.500 nomes de concellos, parroquias e lugares galegos

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Imagen de archivo de un cartel indicativo con el topónimo de O Carballiño mal escrito.
Imagen de archivo de un cartel indicativo con el topónimo de O Carballiño mal escrito. ROI FERNÁNDEZ

O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou a necesidade de actualizar o Nomenclátor de Galicia «para non perder a nosa riqueza toponímica»

18 jul 2025 . Actualizado a las 19:00 h.

A Xunta, xunto ca Real Academia Galega (RAG), propuxo este venres cambiar 2.532 nomes de concellos, parroquias e lugares no Nomenclátor de Galicia, o rexistro oficial de topónimos da comunidade. José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, anunciou esta iniciativa dende o pleno da Comisión de Toponimia, dende onde sinalou «a necesidade de actualizar este documento, un labor imprescindible para non perder a nosa riqueza toponímica, e que nos comprometemos a revisar cunha maior periodicidade».

Os cambios afectarán aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza, segundo afirmou López Campos. «En total estudáronse 4.398 topónimos ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares», engadiu o conselleiro. Esta modificación, tal e como indica a RAG, pretende emendar os erros detectados no Nomenclátor do 2003.

Desta forma, municipios como o ourensán Riós pasará a se denominar O Riós, o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñecerase como O Porto do Son. E a mesma cuestión sucederá con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín. Á súa vez, Castro Caldelas pasará a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo ou A Cañiza pasará a ser A Caniza, tal e como indica a academia. Ademais, se eliminarán 300 nomes, a maioría tras comprobar que en realidade corresponden a nomes de terras ou rúas dentro de unha poboación xa incluída no rexistro.

A RAG celebrou a posta en marcha da iniciativa de actualización e corrección do Nomeclátor, que aínda deberá aprobarse proximamente no Consello da Xunta para a súa entrada e vigor. O presidente da academia, Henrique Monteagudo, afirmou que «os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona».

Monteagudo recordou que, segundo a Lei de Normalización Lingüística de 1983, os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega. O informe presentado incrementa substancialmente o número de topónimos rexistrados, que pasan de ser 41.409 a 42.909. Dende a RAG explican que a maioría destas incorporacións, máis de 1.100, son nomes de aldeas non contempladas polo INE por teren moi poucos habitantes. Nestes casos, se incorporan á listaxe grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran co proxecto Galicia Nomeada.

O conselleiro de Lingua agradeceu a implicación da Real Academia Galega e da cidadanía á hora de recuperar case 90.000 microtopónimos e «salvagardar a identidade que nos define como pobo». López Campos amosou o compromiso da Xunta para iniciar tamén os trámites para elaborar un documento que recolla os nomes relacionados cos mares, océanos e costas de Galicia.