O «superpoder» do galego para xerar apego nos estudantes pola lingua

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da última campaña de fomento do galego entre a comunidade universitaria.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da última campaña de fomento do galego entre a comunidade universitaria. Cedida

As tres universidades públicas da comunidade lanzan unha campaña de normalización lingüistica con achegas da Xunta

11 sep 2025 . Actualizado a las 17:37 h.

O galego como un superpoder. É a premisa da última campaña de fomento da lingua entre a comunidade universitaria presentada este xoves polas tres universidades públicas da comunidade (a USC, a UVigo e a UDC) en coordinación coa Xunta. Esta iniciativa supón «a primeira actuación conxunta deste tipo entre as tres entidades académicas», tal e como destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García

Baixo o lema «O galego xa é teu», a campaña presenta a un superheroe co galego como o seu poder. Así, fai un chamamento a demostrar o seu poderío. «No eido universitario tratamos de xerar ese apego dos estudantes polo idioma como lingua vehicular do saber e o coñecemento», engadiu o secretario xeral da Lingua.

Encaixa dentro das liñas de actuación en materia de lingua acordadas nunha reunión en maio da Comisión Interuniversitaria. Consta dunha presentación en vídeo, a transmitir mediante as redes sociais das universidades, e distintos materiais e produtos promocionais, como camisetas, que se distribuirán entre os estudantes.

Uso do galego dentro e fóra das clases

O seu obxectivo, por tanto, é chegar ás xeracións máis novas, «un dos grupos nos que poñemos especialmente o foco desde que elaboramos un plan de accións —o Pacto pola Lingua— para impulsar o uso da lingua e o seu prestixio na sociedade», segundo indicou García na súa presentación. A campaña conta cunha achega de 30.000 euros da Xunta e está coordinada pola Comisión Interuniversitaria de Normalización Lingüística.

Aínda que a finalidade non é só facelo no entorno estudantil, senón tamén fóra das aulas, «nos momentos de socialización entre compañeiros e nas actividades extracurriculares». García incidiu en que é un ámbito «con gran peso para potenciar o galego». Así, aproveitou a presentación da campaña para agradecer a implicación da comunidade universitaria con esta proposta.

No acto, o secretario xeral da Lingua estivo acompañado pola vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar; a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda Morillo, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Núñez Singala.