«Con outras axudas soportariamos mellor esta situación»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Roberto Iglesias é responsable do restaurante Os Pendellos
Roberto Iglesias é responsable do restaurante Os Pendellos ROI FERNÁNDEZ

O hostaleiro chantadino Roberto Iglesias está á espera de reabrir o seu restaurante o antes posible depois dun período de paralización total

22 feb 2021 . Actualizado a las 20:15 h.

Antes de que se desen a coñecer as novas normas de prevención sanitaria, o municipio de Chantada xa figuraba entre os mellor situados no sur lucense de cara á reapertura dos negocios de hostalería. Á espera de que a Xunta fixese públicas as medidas que estarán vixentes a partir de agora, Roberto Iglesias Delgado, responsable do restaurante chantadino Os Pendellos, manifestou a súa disposición a reabrir en canto fose posible. No seu negocio traballan habitualmente sete persoas, que se incrementan ata doce ou trece nas temporadas altas.

-Xa están preparados para volver a acoller clientes?

-Penso que preparados estamos todos os que traballamos neste sector. Outra cousa é que compense ou non abrir de novo mentres sigan vixentes algunhas restricións. Iso pode depender do perfil cada negocio. No noso caso, si que pensamos abrir de novo en canto teñamos a autorización. Estamos desexando volver ao traballo, porque nas últimas semanas estivemos totalmente paralizados.

-Non mantiveron ningunha actividade no período de máxima restrición?

-Non, nós cesamos a actividade por completo, porque a nosa oferta de cociña, de tipo tradicional e con moito produto fresco, non se presta moito para o servizo de comidas a domicilio. Unha situación como esta pode ser máis favorable para os negocios de comida rápida, para os que serven pizzas e outros pratos dese tipo, pero a nós non nos compensaba estar almacenando pescados ou carnes á espera de ver como están os pedidos. Por iso preferimos pechar de todo. Temos un local grande con bastante persoal e nesas condicións non era posible manterse en actividade.

-Como está agora a situación no que respecta ao subministro e ao almacenamento de produtos?

-Despois de levar un ano así, creo que xa temos todos moi asumido como xestionar esta situación e os pedidos e a almacenaxe fanse case día a día. Non se pode planificar a semanas ou a meses vista. Tanto para pechar como reabrir, ata agora sempre tivemos unhas marxes de tempo moi estreitas e houbo que irse adaptando aos cambios sobre a marcha. Agora está por ver que condicións se poderá saír dos ERTES.

-Cre que as empresas do seu sector contaron con suficiente axuda institucional para afrontar os problemas económicos que lles causaron as restricións?

-Se tivese habido unhas axudas oficiais como é debido, desde o principio e de forma constante, soportariamos moito mellor esta situación tan negativa. As axudas que se concederon ata agora soan un pouco a broma. Con 1.200 euros de indemnización por un 45% de perdas é ben pouco o que se pode facer. Como moito, pagar o recibo dun mes de luz. Porque unha cousa é non ter beneficios e outra cousa e aínda por riba sufrir perdas, que é xustamente o que nos está pasando. Imos acabar todos con perdas e con débedas e saír delas a medio prazo vai ser un problema.

«Espero que todo o se faga a partir de agora sexa para ir cara adiante e non para retroceder»

Roberto Iglesias opina que a situación actual é considerablemente distinta da que se deu o ano pasado e espera que nos próximos meses vaia mellorando a situación do sector da hostalería.

-Cambiou moito o panorama desde o primeiro confinamento?

-Creo que despois de levar un ano nesta situación o panorama é moi diferente. Ademais de que xa están facendo vacinacións masivas e que hai unhas esperanzas que antes non había, agora todo o mundo xa sabe o que ten que facer e como comportarse para impedir que se propaguen os contaxios. En xeral, a hostalería acata as normas que establecen as autoridades sanitarias e fai todo o posible para garantir que se cumpran as medidas de seguridade. Pero o que importante é que as cumpra todo o mundo, porque se pouco vale que algúns de comporten de forma responsable se outros non o fan.

-Que espera da nova situación?

-O que pido é que todo o que se faga a partir de agora sexa para avanzar, para ir cara adiante en vez de retroceder, que supoño que é o que pide todo o mundo. Espero que todos cumpramos as normas de seguridade, que a situación sanitaria siga mellorando cada vez máis e que os nosos negocios poidan ir recuperándose un pouco. E espero tamén que as administracións públicas se preocupen máis por axudar ao noso sector, porque xa levamos padecido bastante durante os últimos meses.