«Invisibles», reivindicación da imaxe das mulleres con discapacidades

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

CEDIDA

Unha mostra fotográfica organizada na residencia Domus Vi de Bóveda iniciará en Sober un percorrido por varios municipios

16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No centro sociocultural de Bóveda foi clausurada esta semana a exposición fotográfica «Invisibles», organizada pola residencia Domus Vi deste municipio coa finalidade —segundo explican os responsables— de «visibilizar a beleza sen filtros das mulleres» que viven neste centro que acoller a persoas con discapacidades. As modelos que aparecen nas fotos son catorce usuarias da residencia. A mostra, de carácter itinerante, poderá verse a partir da semana próxima en Sober e despois irá ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, entre outros lugares.

A exposición foi organizada pola educadora social Carmen Vázquez e as imaxes son de Carolina Cotón, terapeuta ocupacional e afeccionada á fotografía. Ambas forman parte do persoal do centro. O proxecto inspírase noutra exposición fotográfica, «Inmarcesibles», organizada por dúas traballadoras sociais do Concello de Sober —Patricia González e Ana de la Torre—, na que as modelos son veciñas de varios municipios da comarca de Lemos. Esta mostra, dedicada á «beleza real feminina» e premiada recentemente polo Colexio de Traballadores Sociais de Galicia, puido verse no centro sociocultural de Bóveda.

A idea de preparar «Invisibles», segundo explica Carmen Vázquez, foi dunha usuaria da residencia de Bóveda con dificultades de expresión oral. «Cando viu ‘Inmarcesibles' encantoulle, sobre todo unha das fotografías, e díxome que ela tamén quería posar e ser retratada como as mulleres que figuran nesa exposición», di a educadora social.

As organizadoras de «Invisibles» comunicaron entón a súa idea ás responsables de «Inmarcesibles», que as animaron a levala adiante. «Informámolas sobre o noso proxecto, porque está inspirado no seu, pero a nosa exposición foi preparada de forma totalmente independente», apunta Vázquez.

Ademais da muller que suxeriu a idea, outras trece residentes do centro sumáronse ao proxecto como modelos. «Non custou nada convencelas, foi algo totalmente voluntario e todas aparecen nas fotografías tal como elas quixeron», indica Carmen Vázquez. «Non estaban acostumadas a posar diante dunha cámara e están encantadas de sentirse bonitas», engade.

Dar visibilidade

A exposición, di por outra parte Vázquez, está relacionada con «Inmarcesibles» porque ten tamén a intención de reivindicar a imaxe real das mulleres e fomentar a reflexión sobre os cánones de beleza impostos a través da publicidade, o cine e as redes sociais. «No noso caso, ademais, pretendemos dar visibilidade ás mulleres que viven nos centros residenciais e que normalmente pasan desapercibidas para o resto da sociedade, que son invisibles, como indica o título da exposición», agrega.

Ao igual que «Inmarcesibles», a exposición organizada na residencia Domus Vi está pensada para presentarse en moitos lugares. «Non son proxectos concebidos para un único municipio, porque tratan de cuestións que interesan a toda a sociedade», comenta Carmen Vázquez. Despois de pasar por Sober e Lugo, está previsto presentar a exposición nun centro da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral, en Vigo. As organizadas esperan levala tamén a Chantada, Monforte e moitas outras localidades.