![Mahamed, apicultor de Mieles Anta, explicoulles aos estudantes como viven as abellas e o perigo que supoñen para elas as velutinas](https://img.lavdg.com/sc/d7WJdSv_2PgxHxxhXzF0dlyhmTc=/480x/2024/03/05/00121709636462926798781/Foto/M_20240305_114716000.jpg)
![O obradoiro de elaboración de trampas para velutinas celebrouse no centro sociocultural de Bóveda](https://img.lavdg.com/sc/RJSj4zQbetzxoudUIoaTe9IhKT0=/480x/2024/03/05/00121709636462033883343/Foto/M_20240305_114716003.jpg)
![Paula, de Mieles Anta, entregoulles agasallos aos alumnos ao remate da actividade](https://img.lavdg.com/sc/0NqC23IjA-PnW3X6uAYAu-LMoBk=/480x/2024/03/05/00121709636463197695626/Foto/M_20240305_114716001.jpg)
![O obradoiro de elaboración de trampas para velutinas celebrouse no centro sociocultural de Bóveda](https://img.lavdg.com/sc/Yq3N6aIGveluGAA7uGN3ErlqWIA=/480x/2024/03/05/00121709636402612613947/Foto/M_20240305_114716002.jpg)
Nunha actividade práctica impartida por apicultores de Mieles Anta
05 mar 2024 . Actualizado a las 17:02 h.O colexio Rosalía de Castro, de Bóveda, e a asociación de nais e pais deste centro organizaron esta semana un obradoiro de trampas para velutinas. Impartido por especialistas en apicultura da empresa local Mieles Anta, os estudantes que participaron nesta actividade aprenderon a reconverter botellas de plástico en trampas para atrapar exemplares desta especie invasora.
Pero a preparación das trampas foi só o paso final desta actividade formativa, que se celebrou no centro sociocultural e contou tamén coa colaboración do Concello de Bóveda. Impartido por Paula, a xerente de Mieles Anta, e por Mohamed, un dos apicultores que traballa para esta empresa, o obradoiro comezou cunha explicación sobre todo o relacionado co manexo das abellas e a produción de mel. Despois de explicar as características físicas e a organización social das abellas, explicáronlles aos rapaces o dano que a chegada a Galicia desta especie asiática de avespa está provocando na apicultura.
A continuación, os participantes no obradoiro puideron ver un vídeo que explica o proceso de elaboración do mel e a ameaza que supoñen as avespas velutinas na natureza. Tras o vídeo, Mohamed ensinoulles aos alumnos o traxe de apicultor e os instrumentos que emprega no seu traballo, contoulles como fan para recoller o pole das patas das abellas e os alumnos probaron o mel directamente duns panais.
E finalmente, según explican no Concello de Bóveda, «puxéronse mans á obra para realizar as súas propias trampas de velutinas e poder capturar moitas nesta tempada». Os alumnos levaron para a súa casa as trampas que fixeron neste obradoiro. Ademais, recibiron de Mieles Anta un agasallo da súa propia produción e o colexio quedou con diferentes trampas para poñer nas árbores da zona verde do centro.
O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, explica que «Foi unha xornada moi enriquecedora e de enorme utilidade», que agradece a colaboración da empresa Mieles Anta e o interese do colexio e da Anpa.