Formas de celebrar a Pascua

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

CHANTADA

ROI FERNÁNDEZ

Crónica | Tradicións populares vivas A romaría chantadina de San Salvador de Asma e a preparación das roscas en Pantón, dous antigos costumes característicos destas datas, foron renovados polos veciños

09 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?s tradicións relacionadas coas festas da Pascua consérvanse de diferentes maneiras nas comarcas do sur lucense. No municipio de Chantada celebrouse onte un dos festexos máis característicos destas datas, a romaría de san Bieito, que ten por escenario O Convento, denominación tradicional da igrexa románica de San Salvador de Asma. En correspondencia coas tradicións propias desta época, os fieis levan a bendicir os ovos nas misas que se ofician no Luns de Pascua. Na actualidade, a cerimonia perdeu algo de tipismo debido a que a maioría dos romeiros levan os ovos gardados en bolsas de plástico. Algo semellante sucede desde hai anos en Monforte coa característica bendición das rosquillas de san Brais, case convertida ás veces nunha bendición de bolsas. Menos desvirtuada pola modernidade está a cerimonia de pasar a imaxe do santo polo pescozo dos devotos para prevenir enfermidades da pel, que onte se celebrou de novo na porta da igrexa chantadina. Os fieis tamén adoitan levar a bendicir aceite, ao que se atribúe virtudes curativas contra os males cutáneos. Outro costume propio deste festexo é o de levar galiñas e lacóns á igrexa para seren poxados despois da misa a beneficio da parroquia, pero esta tradición xa está bastante perdida nos últimos tempos. Noutros lugares da zona sur lucense consérvanse en maior ou menor medida vellas tradicións gastronómicas relacionadas coa festividade da Pascua. É o caso da localidade de San Román de Acedre, no municipio de Pantón, onde unha veterá rosqueira continúa preparando as roscas de Pascua para os familiares e achegados no forno da súa vivenda. A reposteira, que só quere dar o seu nome familiar de señora Antonina, sinala que, polo que respecta a esta zona, a rosca de Pascua non é propiamente unha rosca, senón un bolo alongado. A este modelo tradicional axústanse a maioría das roscas que a señora Antonina estivo elaborando durante a fin de semana. Non obstante, accedeu a preparar tamén algunha que outra rosca redonda como concesión a algúns dos familiares máis novos, que querían probar o doce pascual neste formato tan difundido.