Fran Vázquez: «Xamais me levei mal con ninguén»

CHANTADA

ACB Photo / E. Casas

Despois de 19 anos na elite, o pivote de Chantada vaise «orgulloso» dunha traxectoria na que «non cambiaría nada»

17 may 2020 . Actualizado a las 15:49 h.

Fran Vázquez (Chantada, 1983) dirá adeus ao baloncesto ao remate da actual tempada. Para o recordo deixa unha longa carreira como profesional, marcada pola súa admirable progresión, os éxitos individuais e colectivos na cancha e as controvertidas decisións que o levaron a ser sinalado como un xogador atípico. O seu benestar e o da súa familia foron sempre a primeira prioridade do laureado xogador galego, que deu cabazas á NBA e, en varias ocasións, tamén á selección española, ante o asombro xeral no mundo da canastra. «Non me arrepinto de ningunha das decisións que tomei», repite en cada entrevista o actual pivote do Zaragoza, que non ten nada claro que vaia poder despedirse como lle gustaría: no parqué e machucando o aro contrario.

-Con todo este grave problema do covid-19 é posible que non goce dunha última ovación.

-Certo. Vai ser difícil que poida xogarse ese play-off, porque o noso traballo non é esencial. Ademais, por moitas medidas que tomemos, sempre haberá risco, porque compartimos balón, hai contacto físico...

 -No seu equipo houbo cinco positivos por coronavirus. Percibe medo pola posibilidade de volver á cancha?

-No club temos un médico que coñece moi ben o que é o covid-19, e estamos ben controlados. Máis ca medo, o que se respira é incerteza, porque non sabemos como vai evolucionar a enfermidade, o protocolo que deberemos seguir... Por moitas probas que nos fagan, risco sempre vai haber. A min claro que me gustaría dicir adeus na pista, pero non vou forzar nada para que sexa así. Non pasaría nada.

-Recibiría infinidade de chamadas desde que anunciou a súa retirada.

-Chamadas, mensaxes... Foi moita a xente que me fixo chegar as súas mostras de agarimo, é non só do mundo do baloncesto. Un xesto que agradezo e que me fai sentir orgulloso.

-Algunha inesperada?

-Non. Con toda esa xente tiven relación nalgún momento da miña vida, e é xente á que admiro. Xamais me levei mal con ninguén.

-Retrocedamos no tempo ata mediados da década dos 90: Chantada e as súas escolas deportivas.

-Aí empezou todo. Eu estudaba no colexio da Barrela, tiña 13 anos e as escolas deportivas de Chantada estaban a promocionarse polos centros para captar rapaces que fixeran deporte. Eu entón xa era alto, medía como 1,90, e intereseime polos deportes aptos para a miña estatura. Recomendáronme o voleibol, o balonmán ou o baloncesto, collín un par de panfletos para ensinarllos a miña nai e ao final optamos polo baloncesto. Empecei tarde, cando só quedaban uns tres meses para o remate da tempada, e non tiña moita idea de como se xogaba.

-Seguro que era o máis alto da clase e do equipo.

-Iso sempre, non só con 13 anos [risas]. Pero xamais me sentín acomplexado.

-Gardará infinidade de anécdotas relacionadas coa súa estatura.

-Si, unhas cantas. As máis simpáticas son nas que hai nenos e a súa inocencia polo medio. Aínda hoxe algún me pregunta pola idade, dígolla e respóndeme: «Es imposible, mi papá es más mayor que tú y es más bajo» [risas].

-Cal foi o mellor consello que recibiu neses inicios, cando era un rapaz?

-Desde ben neno, meus pais inculcáronme que as cousas non se acadan sen esforzo, que debía loitar ao máximo por facer realidade cada soño. E que fose sempre ambicioso, sen chegar a ser avaricioso.

-En que momento se decatou de que podería vivir disto? Coa fichaxe polo Unicaja, quizais?

-Pode ser. Ata entón só pensaba: «A ver onde me leva isto». Loitei por ser profesional, por vivir disto, pero tamén planificaba un futuro alternativo e imaxinábame traballando con meu pai, que era o meu referente.

-A que lle gustaría dedicarse se a súa carreira non prosperase?

-Agora mesmo, a moitas cousas. Pero eu son un rapaz de aldea, así que antes de coñecer mundo as saídas que vía eran ou traballar no campo ou, como dicía antes, con meu pai no taller mecánico.

-Málaga, Bilbao, Las Palmas, Xirona, Barcelona, Tenerife ou Zaragoza? Onde foi más feliz?

-Fun moi feliz en todos os equipos nos que estiven. E en todos gocei, independentemente de cales foran os resultados. Durante todos estes anos gocei cada segundo, cada detalle e cada canastra, se ben é certo que tiven momentos malos nos que me custou un pouco máis.

-No Barça alcanzou o punto álxido da súa carreira?

-A nivel de títulos foi o sitio no que toquei teito, pero creo que, dunha maneira ou outra, tamén fun importante noutros equipos e noutros logros, como a primeira Copa do Rei do Unicaja.

-Sempre repite que non se arrepinte de ningunha das decisións que tomou.

-Así é. Todas foron ben pensadas e meditadas. Non cambiaría nada da miña carreira.

-Xogar na NBA é o máximo ao que pode aspirar un xogador de baloncesto, non cre?

-Foi un tema persoal. Sempre antepuxen a miña familia aos meus éxitos.

-En Orlando esperábao un moi bo contrato.

-Non tan bo comparado cos tempos de agora! [Risas] Si, daquela era un bo contrato e xa tiñas as maletas feitas para irme, pero non puido ser.

Despois de renunciar á NBA, no 2005, Fran Vázquez apostou polo Girona e fracasou no seu intento de levar os galóns.

«Escoitei moitas mentiras e bulos sobre min cando renunciei a ir á selección»

Despois de renunciar á NBA, no 2005, Fran Vázquez apostou polo Girona e fracasou no seu intento de levar os galóns.

-Afectoulle a decisión que viña de tomar?

-En absoluto. Pensei que estaba preparado para ser un referente nun equipo con moi bos xogadores, e ao final non foi así. Pero non me arrepinto de vivir esa experiencia.

-Foi esa a súa peor campaña na ACB?

-Houbo anos nos que non estiven á altura, todo hai que dicilo. A miña última tempada en Málaga tamén foi dura, porque fisicamente non me atopaba ben, pero esa foi a única razón.

-Gañou ligas, copas, unha Euroliga... A cal deses trofeos lle ten máis estima?

-A todos. Pero se teño que elixir quedo con dous: a Copa do Rei do 2005 co Unicaja, porque era o meu primeiro gran título, e a Euroliga co Barça.

-A que rival lle custou máis frear?

-A Felipe Reyes. Non sabías como paralo, porque sempre chegaba antes ca ti á canastra para coller o rebote.

-Vaise con algunha espiña cravada?

-Non. Como xa dixen, fun feliz, e non cambiaría nada da miña carreira.

-Coa selección tamén puido acadar grandes éxitos.

-Escoite moitas mentiras e trolas sobre min cando renunciei a ir á selección. Que se non aceptaba bromas, que se me levaba mal cos Gasol, que se a miña muller... Non había nada diso. Escoitaba ao meu corpo e non me pedía tanto ritmo de partidos.