Claudio Otero: «A fábrica de curtumes de Chantada é das mellor conservadas de Galicia»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Claudio Otero ante o edificio da antiga fábrica de curtumes de Chantada, que funcionou ata mediados da década de 1960
Claudio Otero ante o edificio da antiga fábrica de curtumes de Chantada, que funcionou ata mediados da década de 1960 ROI FERNÁNDEZ

O historiador chantadino é autor do primeiro estudo de ámbito galego sobre este patrimonio industrial

31 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O historiador chantadino Claudio Otero Eiriz é autor do libro A industria galega dos curtumes, baseado na tese con que se doutorou na Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago. A pandemia complicou o ano pasado as presentacións públicas desta obra, a primeira que investiga o patrimonio histórico vinculado aos antigos curtidoiros galegos. Otero xa publicara anteriormente un estudo sobre a historia dos curtidoiros na provincia lucense, que fora galardoado no 2013 co premio de investigación Condado de Pallares.

—Cantas fábricas de curtumes contabilizou nesta obra?

—En toda Galicia están inventariadas cerca de trescentas, pero no libro ocúpome só de 25, que foron seleccionadas desde o punto de vista da conservación do patrimonio industrial. Porque este é un libro sobre o patrimonio, o primeiro que se publica en Galicia non só sobre os curtidoiros, senón sobre calquera sector do patrimonio industrial.

—Que importancia tivo a provincia de Lugo dentro desta actividade industrial?

—No territorio lucense, a industria dos curtumes estivo focalizada en varios puntos moi concretos. Na parte norte houbo fábricas sobre todo en Viveiro en Alfoz. Os demais núcleos estiveron situados en Lugo capital, Sarria, Chantada e Monforte. O caso de Monforte é moi peculiar, porque as primeiras fábricas de curtumes do municipio apareceron xa no século XX, unha época moi tardía en comparación con outras zonas. En Monforte tivo moita importancia a fabricación de calzado cando aínda non había fábricas locais de curtumes. Os coiros que se usaban para facer calzados procedían entón de Chantada e probablemente tamén de Sarria e Allariz. As fábricas de curtumes de Monforte foron construídas con materiais modernos como o ladrillo e o cemento, a diferenza doutras máis antigas que foron edificadas con pedra ou cachotería.

—Cales son as fábricas lucenses que mellor se conservan?

—Unha delas é o chamado curtidoiro da Xunqueira, en Viveiro, un edificio que se conserva moi ben porque foi adquirido e rehabilitado polo ceramista Alfonso Otero Regal para crear un obradoiro de cerámica. Esta fábrica deixou de funcionar na década de 1950 e está entre as cinco mellor conservadas en Galicia. Tamén ten moita importancia a que se coñece popularmente en Chantada como a fábrica do Merluza, polo alcume do seu último dono. O edificio fabril é do segundo cuarto do século XIX e está entre os dez mellor conservados de Galicia a pesar de que está abandonado e sen ningún uso desde que a fábrica deixou de funcionar, a mediados da década de 1960. En Sarria tamén foi rehabilitado o curtidoiro do Teilán, que se dedica a actividades de hostalería desde hai poucos anos. A fábrica de Sarria é máis antiga que a estación ferroviaria e a chegada do ferrocarril potenciou esta actividade, porque a partir de aí os coiros fabricados en Sarria tiveron saída a través do tren.

—En xeral, cal é o estado de conservación deste patrimonio industrial en Galicia?

—Das 25 antigas fábricas que menciono no libro, aproximadamente a metade delas están hoxe abandonadas, o que dá unha idea do seu estado xeral de conservación. En Galicia non se lle prestou moita atención a este patrimonio, a excepción dalgún caso como o de Allariz, onde non só se rehabilitaron os antigos curtidoiros, senón que se converteron no principal recurso turístico e cultural do municipio. Pero en contraste temos casos como o de Santiago, que a finais do século XIX tiña 25 fábricas e onde esa herdanza industrial está totalmente esquecida.

—Queda moito por investigar na historia da industria galega dos curtumes?

—Penso que o que máis falta por investigar é a historia destas industrias a nivel comarcal, que é un traballo para os especialistas en historia local. Nalgúns lugares a orixe destas actividades remóntase a moito tempo atrás. Por exemplo, en Chantada hai referencias que poden datar de arredor do ano 1000. Na época moderna, as fábricas de curtumes de Chantada foron promovidas por industriais galegos, o que non sucedeu en todas partes. Noutras rexións de Galicia estas fábricas foron creadas por industriais de orixe vascofrancesa. É o caso de Sarria, onde esta industria foi promovida por un vascofrancés apelidado Sarry. En Viveiro tivo moita importancia neste sector a familia Donapetry, que tiña a mesma orixe.