Chantada reforza a sinalización turística nas vías de acceso ao monte Faro

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Algúns dos novos sinais instalados nos accesos ao monte Faro
Algúns dos novos sinais instalados nos accesos ao monte Faro CONCELLO DE CHANTADA

O Concello sinala que o lugar é un destino turístico Starlight e forma parte do Camiño de Inverno

05 jul 2025 . Actualizado a las 16:16 h.

O Concello de Chantada reforzou a sinalización turística nos accesos ao monte Faro desde as estradas LU-P- 1002 e LU-213. Nestas vías acaban de instalarse novos letreiros que indican a dirección da ermida e o miradoiro situados na parte alta do monte, así como da igrexa de Santiago de Requeixo.

Os responsables municipais recordan que desde a pasada primavera este espazo está recoñecido como un destino turístico Starlight, é dicir, como un lugar especialmente indicado para a observación do ceo nocturno. Por este motivo, engaden, o monte Faro é «un referente no desenvolvemento do astroturismo dentro do territorio Ribeira Sacra». O alcalde, Manuel Varela, sinala que a nova sinalización turística mellora « a accesibilidade a este punto estratéxico, miradoiro natural e paso do Camiño de Inverno».

Paso de peregrinos

Desde o Concello apuntan así mesmo que nos meses de verán aumenta o número de peregrinos que chegan ao territorio de Chantada polo Camiño de Inverno, que pasa pola ribeira de Belesar, a capital municipal e o monte Faro. «Ademais, cando chegan a Chantada pasean a nosa zona vella de galerías e soportais, as nosas prazas e zonas verdes e atopan aquí todos os servizos necesarios para a comodidade do seu camiño», di a este respecto o alcalde.