Oito espectáculos compoñen o novo ciclo teatral do Concello de Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Un momento da representación da obra «Curva España», do grupo Chévere, que se ofrecerá o 10 de decembro
Un momento da representación da obra «Curva España», do grupo Chévere, que se ofrecerá o 10 de decembro Santi M. Amil

As representacións ofreceranse no auditorio do edificio multiusos entre o 15 deste mes e o 17 de decembro

08 oct 2020 . Actualizado a las 16:23 h.

Un total de oito espectáculos compoñen o novo programa teatral organizado polo Concello de Monforte de Lemos, que se desenvolverá entre o próximo día 15 e o 17 de decembro. O ciclo, que foi presentado pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, comprende actuacións encadradas nos programas da Rede Galega de Teatros e Auditorios, A Cultura Segue —promovido pola Xunta— e os Seráns Teatrais da Deputación lucense. As actuacións ofreceranse no auditorio do edificio multiusos, onde se aplicará unha serie de medidas de prevención contra posibles contaxios por covid-19. Por un lado, a capacidade do local dependerá na situación sanitaria que se dea no momento de cada actuación e a venda de entradas farase desde unha hora antes do inicio de cada espectáculo. O auditorio abrirase media hora antes do comezo da representación e os espectadores, ademais de gardar as distancias de seguridade, non poderán tomar asento ata que o acomodador lles indique o seu sitio. Por outra parte, será obrigatorio o uso de máscaras e a limpeza de mans con solución hidroalcohólica.

O ciclo teatral comprende os seguintes espectáculos dirixidos ao público adulto:

15 de outubro. A compañía Malasombra representará a obra Bernarda a partir das 20.15 horas.

29 de outubro. Para esta xornada está prevista a representación da peza Chola a it girl, do grupo ArtesaCía, ás 201.5 horas.

12 de novembro. O grupo Teatro do Atlántico escenificará A conquista da escola de Madhubai a partir das 20.15 horas.

26 de novembro. A compañía Contraproducións representará a obra A compañeira de piso ás 20.15 horas.

10 de decembro. O seguinte espectáculo para adultos, Curva España, será ofrecido polo grupo Chévere ás 20.15 horas.

17 de decembro. A actuación programada para este día, Poeta en Nova York, será ofrecida pola compañía Teatro Baixo da Area ás 20.15 horas.

O programa comprende tamén as seguintes actuacións dirixidas ao público infantil e familar:

31 de outubro. A compañía Sarabela Teatro porá en escena o espectáculo Proxecto Noee a partir das 18.00 horas.

28 de decembro. O ciclo teatral pecharase co espectáculo Animais de compañía, do grupo Teatro do Noroeste, que comezará ás 18.00 horas.

En todos os espectáculos para adultos —excepto o do 17 de decembro, que será gratuíto— a entrada terá un prezo xeral de cinco euros, que se reduce a tres euros para os estudantes, desempregados e xubilados. Nos espectáculos para o público infantil e familiar a entrada será gratuíta.