O fotógrafo e viticultor Xaime Cortizo presenta en Sober a súa viaxe entre «pedra e auga»

La Voz MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Xaime Cortizo, fotógrafo e viticultor
Xaime Cortizo, fotógrafo e viticultor MARCOS PÉREZ

Trátase dunha exposición de fotografías feitas na Ribeira Sacra, en Santiago e na costa galega

10 jun 2025 . Actualizado a las 18:44 h.

O fotógrafo Xaime Cortizo (Santiago, 1979) presenta esta semana en Sober unha exposición titulada «Viaxe interior de Pedra e Auga», na que o autor pretende unir arte, territorio e consciencia. Unha parte desas imaxes están captadas na Ribeira Sacra do Miño, un terreo que Cortizo coñece ben porque ademais de ser fotógrafo é viticultor e ten viñas en Taboada e O Saviñao. A inauguración está organizada para este venres ás sete da tarde no centro sociocultural, o espazo no que esta colección de fotografías se permanecerá exposta ata o 31 de xullo.

Esta exposición, explican no Concello de Sober, é unha «proposta visual de fonda carga simbólica, que nace dunha viaxe creativa e vital, unha travesía interior onde a pedra e a auga convértense nos grandes eixos narrativos dunha transformación íntima e artística. Cada imaxe é pegada, fronteira, memoria e revelación».

Esta colección de fotos mostra imaxes de tres territorios que son fundamentais para Xaime Cortizo. Nesta «Viaxe interior de Pedra e Auga» hai fotografías de Santiago, representada nas gárgolas dos seus edificios históricos; da Ribeira Sacra do Miño, coas súas paisaxes marcadas polo cultivo da vide; e tamén da costa galega, entre a desembocadura do Miño no sur ata a praia das Catedrais no norte.

Xaime Cortizo ten unha traxectoria consolidada na fotografía artística e documental e nesta exposición, explican os portavoces do Concello de Sober, «convida a deterse, contemplar e sentir unha obra que nace da terra, da auga, do tempo e do invisible». A entrada á inauguración é libre e o acto incluirá un aperitivo con produtos locais.