
A orquestra panorama, un espectáculo conxunto entre a Oca Band e o humorista Pepo Suevos ou un concerto de Roi Casal son algunhas das principais convocatorias
12 sep 2025 . Actualizado a las 18:34 h.Sober celebra a vindeira fin de semana as súas festas patronais na honra á Virxe do Carme. Serán catro días de celebracións que comezan o venres 19 e rematan o luns 22 de setembro. Están organizadas polo Concello e o alcalde Luis Fernández Guitián destaca a «ampla e variada oferta» de actos preparada para «compracer a todos os públicos».
As festas comezan na tarde do venres, día 19, coa segunda edición do Torneo de Catán, que dará comezo ás 20:00 horas. Xa de noite, a partir das 22:00 horas, a música e o humor serán os protagonistas cun espectáculo titulado Historia da verbena e compartido entre a orquestra Oca Band e o humorista Pepe Suevos.
O sábado 20 arrancará coa música do grupo Érbedo, previa á misa solemne das 13:00 horas.
A tarde estará dedicada ao entretenemento familiar co Gran reto dos Bolechas ás 19:30 horas.
Para o final do día chegarán dous concertos: ás 21:30 horas subirán ao escenario Los Coleguitas e, ás 23:00 horas, actuará na Praza do Concello o artista Roi Casal.
O domingo 21, día grande das festas do Carme, terá un marcado carácter musical e tamén relixioso. A Banda de Música de Sober acompañará a procesión e ofrecerá despois un concerto-vermú. A misa solemne estará cantada polo Coro Berea.
Pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase o partido de fútbol do Trofeo Festas do Carme que enfrontará o Sober e o Palas.
A noite pecharase coa actuación da orquestra Olympus ás 21:00 horas.
As festividades esténdense ata o luns 22, día de festivo local. Despois da misa na igrexa nova ás 12:30 horas, a tarde acollerá unha das citas máis esperadas e participativas: a gran paellada xigante e gratuíta, que como é habitual correrá a cargo do cociñeiro José Arias. Todo isto acompañado pola música do grupo Estrella.