O Iescha inaugurará o venres a exposición «Escritores chairegos no pincel de Anxo Lamas»
LUGO
O Instituto de Estudos Chairegos inaugurará o vindeiro venres na Casa da Cultura de Vilalba a exposición Escritores chairegos no pincel de Anxo Lamas , que permanecerá aberta ao público ata o día 27. Un total de 35 táboas pintadas ao óleo compoñen esta mostra, na que o citado pintor, natural de Bazar, no concello de Castro de Rei, plasma en imaxes outras tantas composicións literarias de escritores chairegos. Con esta exposición, o Iescha trata de contribuír á promoción da obra dos escritores e pintores chairegos. Despois desta mostra, o Instituto de Estudos Chairegos ten programadas outras dúas: unha de fotografías sobre o urbanismo en Vilalba, de Carlos Gómez Osa, e outra de escultura, na que Xoán Vila mostrará unha trintena das súas obras. Ao acto inaugural previsto para o venres, no que tamén será presentado o catálogo da exposición, acudirán o propio pintor e o presidente do Iescha, José Luis Novo Cazón, así como unha ampla representación dos autores das obras literarias nas que se inspirou Anxo Lamas para pintar as súas táboas.