Río Barja dedicou a Otero Pedrayo o seu discurso no acto no que recolleu o premio

B.L.

LUGO

21 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O xeógrafo Francisco Río Barja recibiu onte pola noite na Deputación de Lugo o premio Otero Pedrayo, recoñecemento «que no llega tarde pero que debió llegar mucho antes», segundo afirmou Eduardo Pardo de Guevara, membro do xurado que o propuxo e continuador do homenaxeado a fronte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Preto de cen persoas asistiron ao acto, que culminou cunha cea na sala de exposicións do propio palacio provincial.

Río Barja dedicou a súa intervención a destacar a personalidade e a obra de Ramón Otero Pedrayo, centrándose na faceta de xeógrafo do intelectual ourensán. Ademais dos citados e do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que presidiu a entrega, interviñeron o vicepresidente primeiro, Antón Bao, e o alcalde de Lugo, José López Orozco, que destacaron os valores que sempre defenderon o polígrafo que lle da nome ao premio e o seu discípulo e galardoado nesta trixésima edición.

No salón de actos do pazo provincial tamén estiveron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, membros deste organismo, o vicerreitor do campus, familiares de Río Barja, representantes de entidades culturais e sociais. Igualmente, asistiron o director xeral de Patrimonio, o subdelegado do Goberno, a presidenta da Audiencia e o fiscal xefe, delegados de varias consellerías, parlamentarios e deputados provinciais dos tres grupos.

Tras as intervencións, Gómez Besteiro entregoulle a Francisco Río Barja o pergameo acreditativo e o talón do premio, que ten unha dotación de 30.000 euros, patrocinado de forma rotatoria polas catro deputacións. É a sétima vez que a entrega se celebra en Lugo.