Freixanes gabou a «intelixente» estratexia de Piñeiro en Galaxia

LUGO

26 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O actual director xeral de Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, destacou onte en Lugo o extraordinario labor que desenvolveu no seu día Ramón Piñeiro (Láncara, 1915-Santiago, 1990) como director literario da histórica editorial, creada o 25 de xullo de 1950 en Compostela por figuras como Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto ou Ramón Otero Pedrayo.

A reconstrución da tradición cultural do galeguismo anterior á Guerra Civil e o fomento do prestixio intelectual da cultura galega máis alá do folclorismo, en ámbitos como o ensaio ou a filosofía e «deitando pontes co exilio»; así como a conexión con autores novos, formaron parte da «intelixente» estratexia editora de Piñeiro, segundo explicou o xornalista e membro da Real Academia Galega. Fíxoo na terceira xornada dun foro que organizan a Deputación de Lugo e a Fundación Carlos Casares en torno á figura do intelectual e activista, que será homenaxeado o 17 de maio no Día das Letras Galegas.

Freixanes gabou o «vizoso catálogo» de publicacións da primeira década de Galaxia, e que continúa «enriquecéndose». Daquel tempo datan edicións de: Os vellos non deben namorarse , de Castelao; Antífona ou Samos , de Ramón Cabanillas; Á lus do candil , de Ánxel Fole; o Diccionario enciclopédico , de Eladio Rodríguez ou Percival e outras historias , de Ferrín. En palabras de Freixanes, «a teimosía» do de Láncara logrou recuperar «para o galego» a autores como Álvaro Cunqueiro ( Merlín e familia ou Escola de menciñeiros ) ou Celestino Fernández de la Vega ( O segredo do humor ). Con este último traduciu ao galego obras de prestixio internacional como Da esencia da verdade , de Martin Heidegger, ou o Cancioneiro da poesía céltiga , de Pokorny.

Co estímulo de intelectuais como Ramón Piñeiro, Galaxia converteuse «nunha plataforma cultural» para que florecesen iniciativas como a revista Grial , que que non puido ver a luz ata 1963, cando o Ministerio de Información puxo fin á prohibición que impedía a súa publicación.

Franco Grande e Albor

O seminario rematará hoxe no salón de actos da Deputación. Ás 10.00 horas, o profesor e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, falará sobre a relación de Ramón Piñeiro coa lingua. Ás 12.00, o avogado e escritor Xosé Luis Franco-Grande analizará «Os anos escuros». Na sesión vespertina intervirán o ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor (16.30 horas) e o catedrático e académico Xesús Alonso Montero (18.30).