A figura de Ramón Piñeiro sigue concitando o consenso

La Voz

LUGO

16 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Ramón Piñeiro foi un intelectual extraordinario e un cidadán exemplar», dixo onte no acto de inauguración Henrique Monteagudo, que xunto con Carlos Fernández son os comisarios da mostra que se pode ver ata principios de xuño no centro social Uxío Novoneyra. Identificou ao intelectual de Láncara coa soidade, como tradutor de Heideger, transmisor da conciencia galeguista, impulsor da autonomía e unha especie de administrador do ministerio socrático, galego por conciencia e español por historia.

Núñez Feijoo asegurou que non hai moitos precedentes dun liderazgo intelectual baseado na palabra e dixo que Piñeiro foi unha mestura entre o rei Arturo e o mago Merlín. Benxamín Casal, presidente de Galaxia dixo que o obxectivo da exposición non é mitificar a figura do homenaxeado senón dala a coñecer. Ademais de lembrar que conseguiu que se discutise aquí o Estatuto de autonomía e non se impuxese o que viña de Madrid, destacou que o intelectual de Láncara fixo do galeguismo un lugar de encontro e consideraba o idioma o maior patrimonio cultural dos galegos.

Na presentación da mostra tamén destacaron aspectos de Ramón Piñeiro outros oradores como o director de Galaxia, Víctor Freixanes, que recordou que na famosa mesa camilla «puxo de manifesto a súa inmensa capacidade para escoitar»; Ramón Villares recordou que no 36 en Lugo salvou a vida de milagre, e o alcalde dixo que Piñeiro quería «esta Galicia de convivencia».