«A ronda interior debe facerse sen demoler casas adosadas»

G.G.U. LUGO/LA VOZ.

LUGO

O estudoso cre que no futuro inmediato hai que traballar máis na ampliación do paseo peonil da Muralla

27 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Felipe Arias é unha das persoas que mellor coñece a Muralla, xa que como arqueólogo ten dedicados moitos anos da súa vida a descifrar os seus secretos, e outros poucos pasounos coidando dela ao fronte da Dirección Xeral de Patrimonio. Agora, recorda como foi a carreira cara ao recoñecemento mundial.

-¿Como recorda o proceso da declaración?

-Foi longo e laborioso, como todos os expedientes de tramitación de bens patrimonio da humanidade, son moi complexos na elaboración e na tramitación. Hai que facer un bo estudio e pasar tódolos filtros, non só do ministerio, tamén da Unesco. E foi moi longo, a partir do 1993 e 1994 comezaron os debates e as xornadas para pedir a declaración.

-¿Cal foi o obstáculo máis difícil de superar?

-Cando ven o experto da Unesco a Lugo, o francés Jean - Pierre Adam, unha das cuestións nas que fixo máis fincapé foi no contorno do monumento. Foi un dos aspectos máis complicados, despois da Muralla, dada a súa entidade. Un dos puntos máis favorables foi o uso social que se fixo, e que se fai do monumento. A implicación urbana foi moi importante.

-Houbo quen dixo que sería moi difícil conseguilo. ¿Vostede tivo dúbidas?

-Todas as declaracións son difíciles, nin o ministerio nin ninguén dá ao oso por cazado. Os países como España, Francia o Italia, con moito patrimonio recoñecido, tiñan e seguen tendo máis inconvenientes no ámbito mundial. A Unesco fíxase máis en países do Terceiro Mundo, que están máis esquecidos e máis abandonados.

-¿Como ve a Muralla do 2010?

-Mellorou moitísimo e a declaración tivo moito que ver na inclusión de Lugo en circuítos turísticos e no campo da restauración, fíxose moito máis. Isto non quere dicir que estea todo feito, a Muralla necesita atención constante e de forma continuada. Pero é indubidable que a declaración tivo efectos positivos para o monumento, para Lugo e tamén para Galicia.

-No campo arqueolóxico, ¿cal é para vostede a descuberta máis importante?

-As escaleiras en cada cubo. Sabíamos que había escaleiras, pero non en cada cubo. É unha riqueza tremenda e sóubose de dez ou quince anos para acá que ten máis de 80 escaleiras. Isto en canto a orixinalidade e novidade. E despois, para min, a conservación do perímetro. Nin sequera a de Roma consérvao.

-¿Cal cre que deben de ser as tarefas do futuro?

-A primeira asignatura é o mantemento, e despois a promoción, que nunca sobra. Aínda así, encontraremos xente que non coñeza a Muralla, pero tamén haberá monumentos de Úbeda o Jaén que nós descoñezamos. Manter un monumento tan grande e con tanta utilización é complicado. E tamén hai que traballar no coidado do contorno, claro.

-¿Como cre que podería avanzarse neste tema?

-A ronda interior estase a facer, aínda que lentamente. Creo que debe ser un paseo peonil sen coches, como ocorre na ronda exterior, e sen que implique a demolición de casas adosadas, que agora nin sequera sería legal.

-¿Non é legal?

-Non é que non sexa legal, é que os criterios de restauración variaron moito dende os anos setenta e a operación Muralla Limpa. Agora habería que ver con moito coidado como se fai a demolición, porque poderíamos cargarnos edificios do século XVIII. É dicir, poderíamos agredir o patrimonio tratando de liberar a vista da Muralla.