Lugo festexou a Vidal Bolaño nun venres de tempo invernal

LUGO

OSCAR CELA

As actividades literarias e musicais sucedéronse en case todas as poboacións

18 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

De Sarria a Monterroso pasando por Vilalba, case todas as poboacións da provincia acolleron onte actividades literarias e musicais para festexar o Día das Letras Galegas, que rendeu homenaxe ao director, escenógrafo, escritor teatral e actor compostelán Roberto Vidal Bolaño. A xornada festiva máis cultural e artística do ano estivo marcada pola chuvia, as tormentas e o intenso frío -a media mañá no centro histórico da capital os termómetros marcaban 8 graos-, máis propios do inverno que do 17 de maio, como subliñaban nos soportais da Casa do Concello algúns dos asistentes á inauguración dunha exposición do CEIP Rosalía de Castro. Os alumnos do centro elaboraron unha mostra moi interesante na que misturaron fotografías tomadas por eles mesmos en recunchos da cidade, como a Catedral, a ponte da Chanca, as termas romanas ou a Praza do Campo, con textos de poetas galegos como Lorenzo Varela, Celso Emilio Ferreiro ou Carmen Blanco, segundo explicou a xefa de estudos, Dolores Freire.

No acto tamén participaron o alcalde, José López Orozco; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; e o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

Concerto da Banda Municipal

Pouco despois, a Banda Municipal de Música de Lugo ofreceu un concerto no templete da Praza Maior, pero o mal tempo restou afluencia de espectadores á actividade.