O BNG reivindica na estación de Lugo un servizo ferroviario galego

L.R. LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

Reclaman «que se paralice o desmantelamento» dos servicios de tren

17 jun 2013 . Actualizado a las 23:57 h.

O Bloque Nacionalista Galego organizou esta tarde unha concentración simbólica na estación do ferrocarril de Lugo para reclamar un servizo ferroviario galego. Con lemas como «Que non nos rouben o tren», ao acto acudiron cargos orgánicos e institucionais do BNG, como o parlamentario Cosme Pombo; os edís no Concello de Lugo, Antón Bao e Paz Abraira; ou a responsable comarcal, Esther López, ademais de simpatizantes e militantes.

Os nacionalistas denunciaron «as consecuencias negativas que ten para a comarca de Lugo a aplicación de recortes de Renfe», e defenderon a posta en marcha «dun servizo de proximidade que permita a comunicación interna» da comunidade. Nesa liña, o BNG levará unha moción ao pleno do Concello de Lugo para reclamar que se paralice o desmantelamento de servizos ferroviarios. Cosme Pombo sinalou que o Ministerio de Fomento elimina liña e paradas en media distancia.

«Non é de recibo que no eixo Guitiriz-Lugo-Sarria-Monforte, que comunica os núcleos con máis poboación da zona interior, se estean a reducir frecuencias, a maiores das paradas que se teñen reducido», sostivo Cosme Pombo.

«Bondades do tren a Madrid», pero menos conexións interiores

Para o Bloque, «os deputados do PP por Lugo tratan de enganar á cidadanía anunciando as bondades dos trens a Madrid mentres nos deixan sen conexións interiores».