
Sacan á rúa un xornal para crear un espazo de comunicación entre todas as xeracións e conservar a sabedoría popular
09 feb 2014 . Actualizado a las 06:59 h.Son mozos, cheos de ilusión, de ganas de traballar e comprometidos coa súa terra. Con este cóctel de calidades xuntáronse nove veciños da parroquia luguesa de Orbazai para dar vida a un proxecto que pretende dar voz ao lugar e crear un novo espazo de comunicación entre as diferentes xeracións. E fixérono creando O xornal de Orbazai, unha publicación mensual que eles mesmos deseñan e elaboran na que recollen as experiencias e historias dos veciños, as súas necesidades e tamén se converte nun medio para entender e conservar as sabedorías populares, «lendas ou valores e historias dos xa menos novos», sinalan.
Os impulsores do xornal son, polo momento, Simón Piñón, Miguel Folgueira, Francisco Folgueira, Gustavo Fouce, Eva Souto, Marta de la Torre, Miguel Ángel de la Torre, Eva de la Torre e Diego Pérez, de entre 12 e 30 anos. Entre eles hai estudantes, filólogos, músicos, actores, gandeiros... pero ningún xornalista. «Queriamos contar cousas que son do noso interese, falar cos maiores e recoller os seus saberes, porque senón vanse perder, que expliquen como funcionaban os muíños, a que se dedicaban construcións antigas, recoller as tradicións das colleitas...», explica Simón Piñón.
Sae á rúa os 21 de cada mes
Deste xeito, lanzáronse coa primeira edición no mes de decembro, na que recollían unha reportaxe sobre a demanda veciñal para o arranxo da ponte sobre o río Mera, un artigo sobre Nelson Mandela, outro sobre os beneficios das ortigas, unha entrevista a Tomás Novo Vázquez, unha reportaxe sobre a Liga de Inverno... Deste primeiro exemplar editaron uns 150 exemplares que distribuíron de xeito gratuíto. O 21 de xaneiro -o xornal sairá á rúa todos os días 21 de mes- saía a segunda edición, xa cun prezo de 2 euros, e da que levan vendidos uns 120 exemplares. Nel recolleron artigos sobre a matanza do porco -coas diferentes técnicas mesmo de como facer os chourizos-, os beneficios do allo, ou a exitosa carreira deportiva dos irmáns Freire Torneiro da Malladoira.
Nestes momentos preparan xa a terceira edición, na que contarán, entre outras cousas, cunha entrevista ao muiñeiro e unha reportaxe sobre a escola.
Seccións variadas
O xornal dispón de diferentes seccións, como novas, historia de Orbazai, poesía, relatos curtos, sección cómica, horticultura, cultura, caricaturas, cancioneiro musical, entrevistas, pasatempos, xogos, adiviñas etnografía, arquitectura, paisaxe, fotos antigas, etc.
«A xente está respondendo moi ben, os maiores apóiannos, recomendan temas e cédennos fotos antigas. (...) Foi unha grata sorpresa porque cada vez anímanse máis a contarnos anécdotas, cousas curiosas... Este é o espertar de moitas cousas», continúa Piñón.
A elaboración é moi artesanal. O centro de traballo instalárono na Casa do Castro, no número 1 do lugar de Taboelle. Alí soltan as ideas e xestiónanas. «Todo o que gañamos coas vendas é para investir no xornal, para melloralo, de feito aínda non temos pechado o tipo de edición que queremos, o tamaño das letras e a presentación», continúa Simón Piñón.
Tamén deron o salto ás novas tecnoloxías a través do blogue oxornaldeorbazai.blogspoto.com.es e están preparando nova páxina web.