
Xosé María Díaz Castro foi tamén, en Guitiriz e para a xente de Guitiriz, Pepe do Vilariño. Así foi coñecido en vida, en referencia ao barrio da parroquia dos Vilares onde viñera ao mundo. Onte, xustamente cen anos despois do seu nacemento, comprobouse que o poeta segue a estar tan presente como cando os veciños o designaban engadíndolle o barrio ao seu nome.
Para os rapaces
O instituto de Guitiriz, que dirixe Olga Aguiar e que leva o nome do poeta, tivo onte unha xornada de convivencia na que participaron, como convidados, alumnos doutros centros. Os rapaces do CEIP Santo Estavo (Parga) e do CEIP Lagostelle (Guitiriz) visitaron, na Escola Habanera, a exposición «Nimbos de luz», que percorre a vida e a obra do poeta. As explicacións foron dadas por Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos e gran coñecedor do autor de Nimbos.
Flores e versos
No cemiterio, que acolle os restos do poeta e de dous irmáns seus, houbo unha ofrenda floral: o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e o alcalde, Xosé María Teixido, pousaron unha coroa antes de que os escritores Mercedes Queixas, Xabier P. Docampo, Isidro Novo, Armando Requeixo, Antonio Reigosa e Xoán Xosé Fernández Abella lesen versos do autor homenaxeado. No acto, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, leu tamén uns versos Antonio Gil en nome da Academia da Lingua Portuguesa, e o escritor Luís Tosar lembrou a súa relación co poeta e leu uns versos seus. A gloria de Díaz Castro xa parece segura, e non só polas homenaxes deste ano, que terán ampla repercusión no Día das Letras Galegas: o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, dixo que cando rematen todos os actos, os versos seguirán a estar presentes.
Un home bo
Logo, na Escola Habanera, inaugurouse oficialmente a exposición, e unha das intervencións foi a de José María Díaz Zubizarreta, un dos fillos do poeta: salientou que seu pai fora sobre todo unha boa persoa e que os anos pasados fóra de Galicia non lle fixeran esquecer a terra de orixe. Despois presentuse Díaz Castro. Vida e obra, de Armando Requeixo, e proxectouse o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo.
Ampla presenza
Aos actos acudiu unha ampla representación da corporación. Tamén asistiron, entre outros, o ex alcalde Gonzalo Villares; o presidente da comunidade de montes de Lagostelle, Antonio López; o crego Juan José Novo, párroco dos Vilares, ou o presidente do Iescha, Manuel Castro Santamariña, nado en Guitiriz. A representación do mundo da cultura incluía nomes tan variados como o director do Museo de Viladonga, Felipe Arias, o profesor e crítico literario Claudio Rodríguez Fer ou o crego e ensaísta Félix Villares.