«O traballo feito e o apoio de Besteiro explican o xiro histórico en Trabada»

LUGO

Di que teñen a misión de revalidar nas eleccións xerais o resultado de maio

18 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mayra García é unha das persoas que compoñen a xestora que dirixe o PSOE provincial trala renuncia de Juan Carlos González Santín. Ademais, desde o pasado mes de xuño, converteuse na primeira alcaldesa de Trabada -a máis nova da provincia, con 26 anos-, sendo tamén a primeira vez que o PSOE chega ao goberno, e faino tras vencer a José Manuel Yanes Ginzo, que levaba 24 anos como rexedor.

-¿A que se debe este xiro histórico no Concello?

-O traballo feito e o apoio de Besteiro explican o xiro histórico en Trabada. Os catro anos que estivemos na oposición fixemos un traballo constante e a pé de rúa. E hai un ano decidín ir casa por casa cun boletín informativo explicando os investimentos que fixera a Deputación, como a residencia ou o centro de día, asumindo competencias da Xunta. Ademais, fun anotando as necesidades dos veciños. Deste xeito, elaboramos un programa participativo. Na candidatura xuntamos experiencia e xuventude, xa que a media de idade é de 31 anos, e cunha ampla formación académica, xa que hai catro titulados universitarios. Tamén fixemos unha campaña limpa, sen entrar en polémicas, con humildade e honestidade, e tivemos o apoio directo de José Ramón Gómez Besteiro, que veu varias veces a Trabada aínda que só tiveramos dous concelleiros.

-¿Como foron estes primeiros meses na alcaldía?

-Revisamos os convenios que había, avaliamos o custe dos servizos que se prestaban e elaboramos medidas de axuste sen incumprir o programa electoral. Tamén baixei o soldo da alcaldía á metade.

-¿Vese vostede na lista para o Congreso? ¿Cre que deben respectarse os desexos das bases?

-As listas xa están constituídas e eu véxome na alcaldía de Trabada.

-¿E na xestora provincial cal será o seu papel?

-Temos a misión de enfocar as eleccións xerais para revalidar o resultado do 24 de maio, que foi posible grazas á labor de José Ramón Gómez Besteiro.

-¿Será Besteiro o candidato á presidencia da Xunta?

-El é o candidato, polo seu bo traballo e porque ten moito apoio en Galicia.

-¿Pero non ten que haber primarias?

-Si, terá que haber primarias.

-¿Cre que é inocente no caso Garañón?

-Por suposto, confío na súa inocencia.

Mayra García Alcaldesa trabadense e integrante máis nova da xestora

«Se Santín decidiu marchar, é porque cre que non ten o apoio da militancia da provincia»

-¿Que opina da decisión que tomou Juan Carlos González Santín de dimitir como secretario provincial?

-Non vou valorar a súa decisión, porque foi persoal. Penso que se Santín decidiu marchar, é porque cre que non ten o apoio da militancia da provincia.

-¿Como ve a situación na Deputación de Lugo?

-Todos vivimos o que aconteceu nos últimos meses con gran preocupación e comprobamos que a forma de gobernar do PP segue sendo a caciquil de sempre, como demostraron os últimos convenios asinados polo goberno popular con concellos da súa cor política. Pensando no caso de Trabada, por exemplo, co PP na Deputación de Lugo estariamos nunha pésima situación, sen apoio da Xunta de Galicia, nin do Goberno central e, por riba, sen axuda do organismo provincial, polo que non poderiamos resolver os problemas dos veciños.