«Dicían vai ir ó tacho, e aquí está O Val do Naseiro»

s. serantes VIVEIRO / LA VOZ

LUGO

S.O.

Fai 57 anos que o fundador do complexo hoteleiro de 4 estrelas empezou cun «botiquín» na romaría

27 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 82 anos, loce sombreiro coa serenidade dunha dilatada vida. A piques estivo de perdela na primavera do 2006, nun tráxico accidente de tractor no que faleceu outro home. Saíu para diante, «cando case ninguén o contaba». Semella outra das súas sinais de identidade: sobrepoñerse aos pronósticos e aos reveses con vontade e sen regatear traballo. Cúmprense 57 anos dende que empezou a súa andaina hostaleira no val do Naseiro, «cun toldo para servir comidas e bebidas» nese mesmo escenario onde hoxe se celebra o día grande da Romaxe do Bo Xantar. Fai 26 anos fundou o complexo hoteleiro O Val do Naseiro. No máis amplo sentido da palabra, Francisco Galdo Goás é un patriarca, home de carácter e anfitrión experto.

-¿Por qué empezou co «botiquín», como lle chaman na romaría de Naseiro aos postos de comidas e bebidas?

-Traballaba en Barro-Chavín, unha empresa de mecánica e carrozarías na que estiven 21 anos. No ano 1960 montamos o toldo na romaría de Naseiro, a mellor de Galicia, para min. Despois collemos o hórreo de Naseiro, no que traballamos vintecinco anos, só na romaría, noite e día, pero funcionaba moi ben.

-¿E a partir de aí?

-Demos outro paso adiante, e o 23 de marzo de 1968 abrimos o primitivo O Val do Naseiro, un restaurante na casa antiga que pronto se quedou moi pequeno, era moi reducido para os clientes que tiñamos e o negocio que xa vía. De aí naceu a idea de intentar facer o que hoxe é o complexo hoteleiro O Val do Naseiro.

-¿De que ano fala?

-A construción empezou no ano 1990 e ao seguinte, o 7 de xaneiro de 1991, abrimos.

-Falábase entón dun investimento moi importante. Montar un complexo hoteleiro como este lonxe das praias... ¿qué lle dicían?

-Sí que foi un investimento moi grande, nin máis nin menos. Decidín móntalo aquí porque este é o val da romaría de Naseiro, á que lle teño moito cariño. ¿Sabe qué se comentaba por aquí cando empezamos coas obras? Dicían, «este home está tolo, vai montar un negocio que vai a ir todo á ruína, ó tacho», chegou a dicir outro empresario do sector. Como eu nunca tiven problema en traballar noite e día, saín adiante, e aquí está O Val do Naseiro.

-¿A inauguración sería todo un acontecemento?

-En xaneiro de 1992 veu don Manuel Fraga, o presidente da Xunta, ao almorzo co que inauguramos o complexo hoteleiro. Antes, na recepción, preguntoume con qué fin montara este negocio. Pois mire vostede, contesteille, porque teño unha familia e quería tela traballando nunha empresa da miña propiedade.

-Tal como era, ¿qué lle dixo?

­-Falou aberto, con naturalidade, como son eu e as persoas que me gustan: «Xamais imaxinei que en Viveiro se construiría un establecemento desta categoría. Alégrome moito, que teña vostede moito éxito». Sempre andaba con présa, pero volveu varias veces por aquí, e ata fixo aí, no mesón, unha queimada á súa maneira, á que asistiu xente do arredor.

-Vinteseis anos despois do inicio, ¿valeu a pena?

-¡Claro que valeu a pena! A idea coa que construín O Val do Naseiro era empregar á miña familia, e todos estiveron aquí comigo: os meus fillos, os meus netos... Algúns dos meus descendentes e parentes montaron negocios pola súa conta e sempre os animei, porque me gustaba que se independizaran, que traballasen para eles, como eu traballei para mín, na miña empresa.

-¿Cumpríronse as expectativas coas que fundou a empresa?

-Cumpriron, todo o mundo correspondeu moi ben, funcionamos moi ben e ata agora non hai queixa, sí moito que agradecer aos clientes que no elixiron e elixen e a quen traballa con nós.

-¿Por qué ata agora?

-O problema é que a saúde non nos acompaña, empezando por min, pola miña compañeira, pola miña filliña que está aquí e polos meus fillos... Estamos encantados de ter este negocio porque o público responde, traballamos ben non, moi ben. Para que a miña familia continúe con el a enfermidade é o problema máis gordo. Son feliz porque vai moi ben e sería feliz se na miña familia houbera unha persoa que poida e queira tomar a decisión de dedicarse directamente a el, para mantelo co renome que ten. Como sempre, doulle ánimo e dígolles que poden contar comigo para o que eu poida. Temos moi boa clientela e O Val do Naseiro ten presente e ten futuro.

-¿Bota de menos algo por parte dos que gobernan?

-Non, o que boto de menos é a xuventude, porque teño 82 anos... Se volvera atrás, aos corenta anos, non dubidaría de que con este negocio continuaría a vida triunfando ao máximo. Ao mellor a xuventude agora non quere as responsabilidades que asumíamos nós. A maioría da xente nova de agora é de outra maneira, pensa no traballo, pero pensa en gozar, en levar unha vida máis tranquila que a que levei eu, porque traballei día e noite.