![Feira de ilustración San Printin no Clavicembalo](https://img.lavdg.com/sc/ZTYAD8hFsbfTsj0zqZLlkOKmbQ8=/480x/2019/11/06/00121573029061442881112/Foto/LN6C10F3_92741.jpg)
Compite co Festival dos Eidos, no Courel, e co Novos Cinemas de Pontevedra
06 nov 2019 . Actualizado a las 09:33 h.O Club Clavicémbalo de Lugo opta ao Premio do Público Culturgal 2019. A sala lucense compite con outras dúas candidaturas: o Festival dos Eidos no Courel e o Novos Cinemas de Pontevedra. O público poderá escoller as súas preferencias culturais ata o día 19 a través da aplicación Easypromos.
Segundo explican desde Culturgal, a feira das industrias culturais que se celebrará en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro, os seleccionados son tres proxectos «destacados e relevantes para a sociedade, vinculados á cultura galega». Desde Culturgal definen ao Clavicémbalo como «un oasis», como unha sala de concertos única e diferentes: «Que sala pode presumir dunha traxectoria de 33 anos? Si, o Clavi foi fundado no ano 1986 e desde agosto de 1995 atopou o seu espazo físico estable na rúa Paxariños 23. Alberto Grandío, propietario e alma do Clavi, tiña claro que para facer público había que ofrecer calidade. O Clavi é, sen medo a esaxerar, un templo de actividade cultural. Na feble engranaxe da industria musical en Galicia, as salas de concertos son as 'grandes empresas musicais', salvadoras do directo, mecenas dos artistas noveis e refuxios culturais nas cidades do século vinte e un. Antes do fenómeno dos festivais, as salas xa estaban aí», explican.
Do Festival dos Eidos, organizado en Parada do Courel pola Fundación Uxío Novoneyra, destacan que é «unha celebración da poesía, da natureza e das artes en xeral que vai medrando e espallando a súa actividade ao longo de todo o ano, ao redor da Fundación Uxío Novoneyra, casa natal do poeta que inmortalizou O Courel como territorio literario universal. O Festival dos Eidos celébrase no mes de agosto desde 2015 con 3 días de programación cultural de diferentes expresións artísticas ligadas á literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros e visitas guiadas, obradoiros, actividades para rapazada e exposicións nos diferentes espazos, do interior e exterior da casa-museo de Novoneyra e o seu territorio íntimo».
E no que respecta ao festival internacional de Pontevedra Novos Cinemas, trátase dun evento que «pon o foco en traxectorias en cernes no mundo do cinema (...), con preto de 3.000 espectadores na súa última edición». Está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas.