Un paseo polo berce da música medieval desde a casa

LUGO

Esta sala amosa as réplicas dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria da Catedral compostelá.
Esta sala amosa as réplicas dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria da Catedral compostelá. Carlos Castro

O Centrad ofrece visitas virtuais ao seu museo, que inclúe a colección de instrumentos de corda medievais máis importante de Europa

25 mar 2020 . Actualizado a las 17:32 h.

O confinamento motivado polo estado de alarma na crise do coronavirus pode ser unha boa ocasión para descubrir e achegarse ao patrimonio lucense. Son moitas as iniciativas culturais e de lecer que están lanzando desde colectivos e institucións lucenses, ofrecendo, por exemplo, visitas virtuais a museos e paraxes naturais, ás que se poden acceder desde as redes.

Un destes exemplos é o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da área de Cultura da Deputación, que abre as súas portas a través dunha fiestra virtual desde a que se pode gozar dunha visita polas estancias do centro, guiada polos textos explicativos e pola música medieval. A visita ao Centrad permite descubrir os obxectos sonoros e os instrumentos de música do patrimonio musical galego e doutras culturas, e a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

Segundo explican durante a visita virtual, a colección do Centrad está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Completan a colección importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo destes anos relacionados coa materia. E está recoñecida pola Xunta como colección visitable.

A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

Sala Antón de Marcos: Este espazo recrea o obradoiro histórico fundado en 1951 coas ferramentas e útiles de traballo de Paulino Pérez, así como a longa traxectoria investigadora e formativa de artesáns e intérpretes. Está ambientada musicalmente con gravacións de zanfona de 1927 a 1949 e cantigas de cego.
Sala Antón de Marcos: Este espazo recrea o obradoiro histórico fundado en 1951 coas ferramentas e útiles de traballo de Paulino Pérez, así como a longa traxectoria investigadora e formativa de artesáns e intérpretes. Está ambientada musicalmente con gravacións de zanfona de 1927 a 1949 e cantigas de cego. Carlos Castro

O percorrido inclúe a visita ás catro salas de exposición permanente e ao obradoiro de instrumentos musicais que está integrado nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño: entrada; sala Antón de Marcos (recreación do obradoiro histórico de Paulino Pérez); sala Pórtico da Gloria (réplicas dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria e nos manuscritos de Leonardo da Vinci); sala Fundadores (en honor de Faustino Santalices e Paulino Pérez, cunha sección de instrumentos ligados á música tradicional galega e outra dedicada aos instrumentos mecánicos e de corda de diferentes partes do mundo); e sala Xelmírez (que reúne réplicas dos instrumentos representados nas ménsulas do Pazo de Xelmírez anexo á Catedral compostelá, estación táctil, xoguetes sonoros e unha importante colección de trompas de boca). Ademais, apórtase unha descrición da música coa que se ambientan as distintas estancias: instrumentos, autor, intérprete, data... O Centrad tamén conta cun servizo de consulta dos fondos bibliográficos e documentais da colección.

A visita virtual ao Centrad pode realizarse dende este enlace: http://www.cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/visitas/centrad-visitas-360/Coleccion.html.