
Os comerciantes da Milagrosa celebrarán a súa tradicional Feira de San Isidro os días 18, 19 e 20 de setembro
12 ago 2020 . Actualizado a las 20:42 h.A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais «Distrito da Milagrosa» está organizando a 23ª edición da xa característica feira de produtos do campo e de artesanía, que nunhas circunstancias de normalidade se tería celebrado xa en maio, coincidindo co San Isidro. «Será como a festa de todos os anos, pero cambiando de data», asegura Luis Abel, un dos organizadores, que xa comezou cos preparativos para ter lista a programación a finais de setembro.
O encontro, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo e dos Concellos de Lugo e Friol, terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro. Nas rúas da Milagrosa haberá, como todos os anos, actuacións folclóricas e citas gastronómicas.
Como novidade, e para que sexa máis doado gardar as distancias de seguridade, ampliarase o recinto feiral ás rúas Mallorca e Camiño Real, co fin de que os postos manteñan unha separación maior entre si. O programa definitivo sairá á luz os vindeiros días, pero dende a organización adiantan que se manterán as tradicionais festas da rosquilla e do chourizo á parrilla.