
Estaban nos pasillos do edificio de San Marcos e sinalan que «as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron»
14 ago 2020 . Actualizado a las 18:43 h.Esta mañá de venres retiráronse dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo «nomeados durante a ditadura de Primo de Rivera e tras o levantamento militar do 1936 e a posterior ditadura». O deputado responsable de Memoria Histórica, o nacionalista Efrén Castro, sinalou que «as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron porque iso contribúe a branquear e lexitimar a ditadura».
«A transición construíse sobre unha lei de amnistía e un relato feito á medida das forzas do rexime e en contra da memoria e a dignidade das persoas represaliadas e das súas familias», expuxo o deputado nacionalista, quen á vez sinalou que «non se trata de esquecer a historia, nin de axustar contas individual ou colectivamente, se non de visibilizar que unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento a representantes políticos dun rexime fascista que a representantes políticos elixidos democraticamente», concluíu.

Día da Galiza Martir
O vindeiro luns 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Martir, a área de Memoria Histórica celebrará un acto de lembranza e homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo en Sarria. O acto comezará cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, a carón da placa que lembra ás vítimas do franquismo na comarca, ás 20:00 horas. A continuación, o historiador Rafael García Ferreira pronunciará unha conferencia baixo o título «O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional». A música de Raiceira acompañará a intervención.