Inversións da Deputación na UNED e no Rato

la voz LUGO

LUGO

Portavoz socialista en la Diputación, Pilar García Porto
Portavoz socialista en la Diputación, Pilar García Porto

Os hortos uurbanos serán adxudicados  este mes aos seus usuarios

04 sep 2020 . Actualizado a las 13:04 h.

A voceira socialista da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a xunta de goberno deste venres aprobou a licitación do contrato para o subministro de material informático e de novas tecnoloxías para o Centro Asociado da UNED en Lugo, ao que a institución provincial destina 185.000 euros. 

Concretamente, son ordenadores, impresoras de alto rendemento e sistemas de videoconferencia que permitirán a renovación do equipamento tecnolóxico de diferentes estancias da UNED, como o salón de actos, a aula de extensión, o Centro de Proceso de Datos (CPD) e a sala de AVIP, para o inicio do próximo curso universitario. Esta nova dotación axudará aos docentes a mellorar a calidade dos contidos dixitais da plataforma telemática da Universidade, como as emisións en directo e as gravacións das clases impartidas.

 García Porto explicou en rolda de prensa que esta aportación súmase a achegada este ano pola Deputación por preto de 300.000 euros para os gastos derivados do funcionamento do Centro Asociado da UNED en Lugo, como os de dirección e coordinación, administración e servizos, titorías, locais, edificios, instalacións e materiais, ou os desprazamentos de profesores para participar na dirección, xestión e docencia en seminarios e convivencias do centro.

 Reforzo Parque Móbil

Así mesmo, a xunta de goberno aprobou o procedemento de contratación dun camión con cisterna de emulsión asfáltica para o Parque Móbil da Deputación, cun orzamento de 65.000 euros. «Deste xeito, pasaremos de contar con 3 equipos de rego a 4, reforzando un instrumento fundamental de cooperación da Deputación cos Concellos como é o Parque Móbil, pois afórralles custes no acondicionamento das vías municipais», subliñou Pilar García Porto.

 Máis dotacións no entorno do Rato e Paradai

Na xunta de goberno tamén foi aprobada a adxudicación do aluguer de catro cabinas sanitarias autónomas móbiles, totalmente accesibles, e o seu mantemento e limpeza diarias para a súa instalación no entorno do Paseo do Río Rato e dos hortos urbanos dos parques do Río Rato e de Paradai. O orzamento do contrato é de 23.500 euros e a súa duración prolongarase ata o 2023. Estas cabinas sanitarias deben instalarse en menos de 15 días.

En canto aos hortos urbanos, a deputada asegurou que previsiblemente neste mes de setembro estarán as parcelas adxudicadas aos seus usuarios e usuarias. Os terreos estarán en condicións óptimas no momento no que as persoas beneficiarias vaian a traballalos. A Deputación conta con 150 hortos no Parque do Rato e 34 no de Paradai. Un total de 175 novos espazos uniformes, agro ecolóxicos e accesibles con máis servizos.

Prorrogado o encargo a Tragsa do servizo de limpeza

Na reunión deste venres a Xunta de Goberno acordou prorrogar á empresa pública TRAGSA o servizo de limpeza e mantemento dos distintos edificios e dependencias da Deputación. Conta cun orzamento de 202.000 euros e será por un período de 3 meses, ata decembro. 

A voceira socialista do Goberno lembrou que o pasado mes de marzo a Deputación resolveu o contrato coa empresa que tiña adxudicado o servizo de limpeza das dependencias provinciais debido ao incumprimento de obrigas esenciais como o abono de salarios e encargou o mesmo con carácter provisional á empresa pública Tragsa garantindo a continuidade dos 32 postos de traballo.

Tragsa, medio propio instrumental da Deputación dende finais do pasado ano, farase cargo do servizo de limpeza de maneira provisional, mentres se desenvolve a tramitación dun novo concurso para adxudicar outra vez o contrato. 

Apoio ao barrio da Milagrosa

A Xunta de Goberno aprobou unha subvención excepcional, por valor de 20.000 euros, para a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias da Milagrosa. «Con esta axuda queremos amosar o apoio da institución provincial cun dos barrios máis importantes, senlleiros e hospitalarios de Lugo, que por desgraza, está a vivir unha situación complicada pola crise sanitaria da Covid-19. Facemos esta aportación económica tendo en conta que esta asociación impulsa iniciativas e actividades durante todo ano que dinamizan a vida social e económica deste barrio de Lugo e, por extensión, de toda a cidade», asegurou García Porto.