Choivas

XULIO XIZ

LUGO

28 sep 2020 . Actualizado a las 21:44 h.

Viñeron e fóronse as choivas. Anunciáronas abundantes e o Deus da choiva volveu chorar por nós, para acreditarnos de novo como o país do verde e da auga. En tempos coidábase que a choiva era limpeza, purificaba o aire, arrastraba o lixo… con ventaxas que superaban claramente os inconvintes nas actividades humanas. E seguimos pensando que cando chove o aire é máis puro, respírase mellor, e aínda que cause dificultades, nós, habitantes de terra gandeira e labrega, sabemos que é imprescindible para o campo, e se este país é como é ?e nós somos como somos- é porque aquí chove abondo para manternos como o extremo verde das Españas.

Temíamos á auga no exterior dos bares ou nas colas en tendas e bancos, pero seguro que todo se irá asentando, aínda que o problema esencial segue presente e non o soluciona a choiva, nin eliminará a pandemia das okupacións de pisos nin a violencia das nosas rúas, da que tivemos exemplo en Camiño Real onde quedou un home sangrando, desmaiado no chan froito da malleira de outros dous, nin siquiera a anarquía que vemos medrar polo complicado tráfico de bicicletas e patinetes sorteando aos peatóns polas beirarrúas. A choiva é boa pero non fai milagros nesta nova sociedade de individuos timoratos, solitarios á forza, embozados que farían tolear a Esquilache no empeño de suprimir a violencia indo todos coa cara descuberta. A choiva, beneficiosa para a terra, a xente, o ambiente e a vida, non fai milagres, que non se poden agardar dela nin de ninguén, porque para conseguir algo hai que poñer da nosa parte intelixencia, forza e traballo. E iso xa é moito pedir.