Unha serie audiovisual lucense homenaxea a Xela Arias

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A serie «Outras voces para as letras de Xela» emitirase os martes e os xoves
A serie «Outras voces para as letras de Xela» emitirase os martes e os xoves CEDIDA

Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo ou Olga Novo son algúns dos participantes en «Outras voces para as letras de Xela», que se estrea o martes pola tarde

19 abr 2021 . Actualizado a las 13:23 h.

Unha serie audiovisual con selo lucense sobre Xela Arias, a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas, estrearase o martes pola tarde en YouTube e nas redes socias da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Outras voces para as letras de Xela, con realización e fotografía de Lorena Gallardo e Humberto Novoa, divulgará o legado de Xela Arias para a cultura galega do noso tempo, a través de lecturas e interpretacións da súa obra e de reflexións biográficas de familiares, escritores, artistas e persoas anónimas. Emitirase os martes e os xoves ás 20.30 horas.

A serie consta de quince pezas audiovisuais que conflúen na intención de render homenaxe á poeta da Vilerma. Con escenarios vinculados á súa infancia, entre o rural de Sarria e a cidade de Lugo como pano de fondo, os vídeos retratan a Xela Arias a través da súa poesía, de textos literarios clásicos que traduciu ao galego e de reflexións biográficas.

Escritoras e escritores lugueses como Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Raga Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez ou Claudio Rodríguez Fer homenaxean a esta activista das letras, da lingua e da acción social e cultural, comprometida e multidisciplinar. A obra de Xela Arias tamén se revisa desde a danza e a expresión corporal, a través de artistas como Carlota Pérez, e desde a perspectiva que ofrecen persoas anónimas, nenas e nenos e público adolescente dos centros educativos que len os primeiros escritos infantís en prosa da autora. A serie audiovisual incorpora, ademais, as voces dalgúns dos seus familiares máis achegados, coma o seu fillo Darío Gil ou o seu irmán Lois Arias.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou que «con esta iniciativa aproveitamos as posibilidades que nos ofrecen a linguaxe audiovisual e as canles dixitais para difundir e poñer en valor a figura de Xela Arias. A situación sanitaria converteu a programación audiovisual nun recurso moi empregado no que, neste caso, seguimos afondando porque cremos que é unha fórmula axeitada para plasmar o carácter anovador da obra de Xela Arias pero tamén para chegar coa literatura galega a públicos novos».

Por outra banda, continúa o Festival de Teatro Universitario. Nesta ocasión, subirase ao escenario do Auditorio Municipal Gustavo Freire a Aula de Teatro da USC en Santiago, dirixida por Roberto Salgueiro. A compañía compostelá pechará a quenda de representacións ás 20.00 horas coa obra A casa da forza 2, 52-88. As entradas poden solicitarse de balde en cultura.lugo@usc.es.

Pola súa parte, o centro cultural O Vello Cárcere pódese ver con quendas especiais para visitas por libre, ás 11.15, 12.30, 16.45, 18.00 e 19.15 horas. Ademais, seguen os obradoiros: Pequeviñetistas, un taller de iniciación ao cómic para nenos de 10 a 12 anos, ás 17.30; e á mesma hora, Minirrelatos do Cárcere, de animación á escritura e á narración oral infantil, para nenos de 6 a 9. Son gratuítos, previa inscrición no 982 297 195.