Os museos provinciais de Lugo están de festa

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Presentación do programa polo Día dos Museos
Presentación do programa polo Día dos Museos CEDIDA

Os centros de Lugo, San Cibrao, Friol e Tor celebran o Día dos Museos con actividades entre os días 14 e 18

06 may 2021 . Actualizado a las 11:18 h.

A Rede Museística Provincial organiza un programa de actividades con motivo do Día dos Museos. Terán lugar nos Museos de Lugo, San Cibrao, Friol e Tor, entre os días 14 e 18, mesturando a presencialidade cos formatos en liña, e haberá que inscribirse en comunidadermpl@gmail.com. As xornadas xiran arredor do lema O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar, co seguinte programa:

· Día 14. Charla de Nekane Aramburu, en liña, 17.00-18.00h. Sobre o seu libro Alternativas. Políticas de lo independiente en las Artes Visuales. Para todos os públicos con interese en museos, xestión cultural e inclusión de outras narrativas. Un grupo de traballo de profesionais da xestión cultural analizará metodoloxías e conceptos evolutivos inclusivos.

· Día 15. Noite dos museos. San Paio de Narla, 20.00h. Estrea do capítulo 0 da web-serie Ronsel de Futuro, de Producións Señor López. Presentan o proxecto Recuperar onde vivimos, reimaxinar onde viviremos, unha actividade aberta coa que recompilar fotos, vídeos, audios e ilustracións de varios lugares da provincia nas datas sinaladas da historia dos museos.

· Día 16. Sementando Galego. San Paio de Narla, 18.00h.Unha experiencia educativa e reflexiva para mirar ao pasado a través daquelas palabras que nos suxiren outros momentos e dirixir a vista cara ao presente con aquelas outras que nos importan conservar.

· Día 18. Unha xornada palaciana: pasado, presente e futuro da vida dos pazos galegos. Os casos de Tor e Meirás. Museo Pazo de Tor, 10.00-14.00h. Abordarase a dimensión histórica e cultural dos pazos, e os aspectos patrimoniais, museolóxicos e sociais, a través da exposición da historia dos pazos de Tor e Meirás. Participan os historiadores Pegerto Saavedra Fernández e Antonio Presedo Garazo e Manuel Monge e Carlos Babío, impulsores do movemento cívico para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público.

· Día 18. Sementando galego. Pazo de Tor, 14.00h.

· Día 18. Obradoiro de ilustración con Iria Fafián, con versión en liña. Museo Provincial, 17.00-20.00h. Para familias, orientado a estimular a creatividade e a colaboración cun exercicio sinxelo e divertido sobre deseño de personaxes.

· Día 18. Imaxinando ás escuras. Museo Provincial, 11.00h. Visita sensorial co colectivo ONCE de Galicia.

· Día 18. Recuperando e reimaxinando proxectos de xénero na Rede Museística. Museo Provincial, 20.00h. Presentación do libro catálogo Eu..., ti..., elas..., nosoutras, nosoutrxs... en rede.

· Día 18. Concerto de Carmen Penin. Museo Provincial, 20.30h.

· Convocatorias: Lendo a Xela. A celebración das Letras Galegas, na véspera do Día dos Museos, tamén esta presente. Así, na noite do 17, as redes sociais dos museos difundirán vídeos nos que se reciten poemas de Xela Arias. Está aberta a convocatoria para que os interesados envíen os seus vídeos, dun máximo de dous minutos de duración e en formato horizontal, a comunidadermpl@gmail.com.