Un novo proxecto musical e audiovisual pon en valor as cancións populares e o acordeón diatónico

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Quintá, Davide Salvado, Maite Ferreiro e Pedro Pascual, no Pazo de San Marcos
Carlos Quintá, Davide Salvado, Maite Ferreiro e Pedro Pascual, no Pazo de San Marcos CEDIDA

As gravacións teñen lugar na Rede Museística, no Centrad e en San Marcos a cargo de Ugía Pedreira, Davide Salvado, Noemí Basanta, Germán Díaz, Brais Monjardín e Vadim Yukhnevich

22 sep 2021 . Actualizado a las 12:39 h.

A Vicepresidencia da Deputación pon en marcha un proxecto audiovisual para difundir o Cancioneiro Galego para Acordeón Diatónico. De Botóns (Mialma Produciois, 2020) e pór en valor os espazos xestionados pola institución (Rede Museística, Centrad e Pazo de San Marcos) como espazos culturais abertos á cidadanía. Ugía Pedreira, Davide Salvado, Noemí Basanta, Germán Díaz, Brais Monjardín e Vadim Yukhnevich gravan vídeos musicais interpretando algunhas pezas recollidas na publicación, acompañados polos autores e músicos Carlos Quintá e Pedro Pascual.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, explicou que «a iniciativa une a posta en valor e a apertura á cidadanía dos espazos xestionados pola institución e o apoio á música tradicional, neste caso, contribuíndo á difusión dun traballo de recompilación e investigación excepcional sobre un dos instrumentos máis representativos e populares da cultura galega».

Ugía Pedreira interpreta no Museo do Mar unha composición de Dorothé Schubart, mentres que e o xardín da Deputación é o escenario no que Davide Salvado achega unha peza de recollida popular, «Manolo mío». A música tamén dará paso á palabra, cun Canto de Sega especial e con historia, unha herdanza da avoa de Noemí Basanta que agora ela conta e canta con San Paio de Narla como testemuña. O Museo Provincial empraza a música de Vadim Yukhnevich cun canto de berce do arquivo do coro Frores e Silvereiras. No Centrad Germán Díaz toca ao acordeón o Pasodobre de Paulino e a Rumba de Muras. Finalmente, Brais Monjardín está no Pazo de Tor cun recital que integra varias pezas recollidas en diversos puntos da provincia, como Folgoso do Courel ou A Pontenova.

De Botóns

O acordeón diatónico, chamado de botóns en moitas zonas de Galiza, dá nome ao libro que recolle unha selección de pezas do repertorio galego adaptadas a este instrumento. Trátase dun traballo antropolóxico que inclúe a perspectiva de xénero na redacción dos textos, con fotos (a meirande parte inéditas) de acordeonistas galegos antigos, mulleres e homes.

A publicación contén explicacións documentadas coa orixe da cada música froito da investigación de grandes coñecedores deste instrumento, nomeadamente Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cunha serie de colaboradores especialistas en diferentes áreas como Benxamín Otero ou José Dopico Orjais.

O libro é, segundo explica o editor, Abel Pérez, resultado «de cinco anos de traballo, feito desde Galiza, cun carácter internacionalista para chegar a acordeonistas diatónicos e instrumentais da península, pois no cancioneiro tamén hai partituras con orixes diversos, especialmente dos territorios limítrofes como O Bierzo, o EoNavia, León ou Portugal».