Arte en todas as súas expresións para mergullarse nos soños

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A pintora e escultora Dolores Guerrero expón ata finais de ano no Museo Provincial de Lugo a súa mostra máis completa

15 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Shakespeare que estamos feitos da materia coa que se tecen os nosos soños. E neses soños convídanos a mergullarnos a artista lucense Dolores Guerrero, que fixo deles arte en todas as súas expresións: pintura, escultura, art-land, arte conceptual, instalacións, poesía... Perseguindo soños é o título da mostra instalada ata finais de ano no Museo Provincial de Lugo. Trátase dunha exposición con máis de corenta obras, polo que se trata da máis completa que ten feito ata agora a artista.

O paso do tempo, a natureza, o cosmos, a terra, o amor, a xustiza, os soños... son algúns dos temas polos que van transitando as obras expostas. A mostra concibiuse en clave retrospectiva, aínda que a maioría das pezas foron creadas especialmente para esta ocasión. Nela poden contemplarse as famosas pinturas de Guerrero de abstracción lírica inspirada na natureza, de ceos e atmosferas evanescentes, pero tamén retratos «feitos e desfeitos», explica, esculturas dunha soa peza feitas con materiais de construción e aceiro corten ou unha recreación de Friginjón, o país imaxinario que lle deu a coñecer o seu neto Roque, amante do debuxo.

Ademais, Guerrero estreouse en novas técnicas creativas, nas que atopou novidosas formas de expresar as súas inquedanzas e o seu universo particular: «Fixen a primeira instalación da miña vida. É un bosque onde nacen os contos de fadas. Trátase de art-land, feito con material da natureza, con arboriñas pintadas, paxaros de cerámica, ovos, niños... e inspireime na miña neta Cloe, que sempre me pide que lle conte contos de fadas», sinala.

Tamén hai arte conceptual, cunha instalación feita de obxectos que no seu momento foron útiles, case imprescindibles, e que hoxe en día non son máis ca lixo: teléfonos, pranchas, candís... E, xusto ao lado, un vestido de noiva confeccionado con material plástico dun invernadoiro, que estivo catro anos tirado no chan á intemperie. Foi feito para o evento «Reciclar o morir», de Mujeres progresistas del Retiro.

O catálogo da mostra, que adquire máis forza cos propios versos de Guerrero, conta cun prólogo de Rosa Gallego, da Asociación Española de Pintores e Escultores, gañadora en dúas ocasións do Premio Extraordinario Reina Sofía.

Horarios e visitas guiadas

A exposición pode visitarse de luns a venres, de 9.00 a 21.00; os sábados de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00; e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00, con entrada gratuíta. Ademais, os mércores hai visitas guiadas á exposición a cargo da propia artista, ás 19.30, tamén con entrada de balde.