Os restos de Uxío Novoneyra descansarán no Courel

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Enterro de Uxío Novoneyra o 31 de outubro de 1999 no cemiterio de San Froilán de Lugo
Enterro de Uxío Novoneyra o 31 de outubro de 1999 no cemiterio de San Froilán de Lugo PRADERO

O poeta foi enterrado en outubro de 1999 no cemiterio de Lugo e por petición da familia este venres será levado ao seu municipio natal

13 ene 2022 . Actualizado a las 17:14 h.

Os restos do poeta Uxío Novoneyra, falecido aos 69 anos en Santiago, o 30 de outubro de 1999, descansarán ao final na súa terra natal, en Parada do Courel, no municipio de Folgoso. O velorio do gran poeta da montaña lucense celebrouse no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingo de Bonaval, para logo ser enterrado o 31 de outubro, ás catro e media da tarde, no Cemiterio de San Froilán, en Lugo, nun acto emotivo no que estiveron grandes amigos de Novoneyra, como Manuel María, que leu un poema, ou Xosé Manuel Beiras.

Naquel momento, por expreso desexo do propio Uxío Novoneyra, que levaba dous anos tratándose en Madrid dunha grave enfermidade, así como da familia, acordouse enterrar ao poeta en Lugo, pero coa intención, pasado un tempo, de levar os seus restos a Parada do Courel.

E ise momento será este venres, 14 de xaneiro, cando ás 9.30 horas se procederá ao traslado dos restos do poeta Uxío Novoneyra dende o cemiterio de San Froilán ao Courel por iniciativa da familia.

Na entrada principal do Cemiterio de San Froilán faráse un pequeno acto de despedida á saída dos restos fúnebres, que consistirá na lectura dun poema e na interpretación do Himno Galego.

Está previsto que asistan ao acto representantes do goberno de Lugo xunto con integrantes dos distintos grupos da Corporación Municipal e Provincial.

O poeta Uxío Novoneyra fotografado no souto da súa aldea natal de Parada do Courel
O poeta Uxío Novoneyra fotografado no souto da súa aldea natal de Parada do Courel AYAKO SUGITANI