Presentan en Lugo o libro «Valente epistolar»

La Voz LUGO

LUGO

Parte do equipo de «Valente epistolar»
Parte do equipo de «Valente epistolar» CEDIDA

Catorce especialistas estudan a súa correspondencia para afondar na vida e obra de José Ángel Valente

12 feb 2022 . Actualizado a las 13:29 h.

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC acaba de publicar Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades), no que catorce especialistas estudan outras tantas importantes e reveladoras relacións epistolares do poeta con intelectuais sobre a súa vida, a súa obra ou a súa tradución. A correspondencia de Valente, unha documentación que se custodia por desexo do poeta na Cátedra José Ángel Valente, está composta por miles de cartas, postais, telegramas e faxes que recibiu ou, en copia, que enviou.

Este volume sobre a relación epistolar de Valente parte de Luís Cernuda, de quen se ocupa o poeta e director da Cátedra, Claudio Rodríguez Fer. A profesora Dolors Perarnau, doutora en Filosofía pola Universidade Autónoma de Barcelona, abrangue a relación do poeta co filósofo catalán exiliado en México Ramón Xirau, mentres que o profesor Manuel Fernández Rodríguez trata as ligazóns co tamén filósofo, ademais de ensaísta e editor colombiano Rafael Gutiérrez Girardot. Respecto da relación epistolar con escritores galegos, esta obra inclúe a Vicente Risco, chamado «mestre» por Valente nas súas Cántigas de alén, e de cuxo estudo se ocupa a poeta Olga Novo. A profesora da USC Carmen Blanco analiza os escritos con Rafael Dieste, mentres que Armando Requeixo aborda un estudo da relación co seu colega estudantil e fillo de Vicente Risco, Antón Risco. Camilo José Cela, que editou a Valente na súa revista Papeles de Son Armadans e cuxa poesía completa foi prologada por el, é interpretado pola doutora en Teoría da Literatura Arantxa Fuentes Ríos.