David Rodríguez, actor debutante: «Son un cagado para as pelis de medo»

LUGO

David Rodríguez quere estudar interpretación para probar sorte como actor
David Rodríguez quere estudar interpretación para probar sorte como actor CARLOS CORTÉS

Hoxe estréase nos cines «Live is Life», a primeira película que protagoniza este rapaz de Monforte que aínda acaba de rematar o instituto, pero xa ten decidido que se quere dedicar á interpretación

03 jun 2022 . Actualizado a las 14:00 h.

David Rodríguez tiña 16 anos cando Dani de la Torre se puxo a buscar actores para o seu terceiro filme. Live is life ía contar un verán inesquecible para un grupo de amigos adolescentes, así que precisaba xente nova. E o seu Monforte natal foi un dos lugares nos que buscou. Ao cabo, a maior parte da rodaxe íase facer no verán do 2020 na Ribeira Sacra e no Courel, así que tiña sentido buscar esas caras novas tamén cerca dos escenarios naturais nos que ese grupo de amigos pasaban aquel verán. O resultado é que un dos cinco protagonistas de Live is life é de Monforte. É David Rodríguez. Estudante no instituto Río Cabe e agora con 18 anos participa na promoción da película previa á súa estrea este venres nas salas de cine.

—Por que decidiu ir a aquel cásting? Foi en plan broma?

—Pois si. A verdade é que foi máis por perder clases que outra cousa [risas]

—Como foi aquel cásting?

—Foron varios. No primeiro preguntábannos quen éramos, como nos chamábamos, o que nos gustaba facer en verán, se sabíamos montar en bicicleta....

—Vostede sabería, non?

—Si.

—Despois de acabalo contaba con que o fosen chamar para facer o papel?

—Non, para nada.

—E que sentiu canto o chamaron?

—É que me chamaron varias veces, a primeira durante o confinamento, que me pediron que fixese unha videochamada. Despois viñeron as directoras de cásting a Monforte para facer outra proba xa cun diálogo que me deron elas. E despois aínda tiven que ir facer outra proba a Madrid para ver se lle gustaba a Dani.

—E todo isto con permisos dos seus pais, porque daquela era menor de idade.

—Si, eles flipaban con todo isto. Eu creo que flipaban máis que eu, incluso.

—Gustaríalle traballar como actor?

?Si.

—Estase preparando para iso?

—Estoume poñendo as pilas estudando, para acabar no instituto e despois xa dedicarme a isto. Quero estudar arte dramático.

—Gustoulle entón.

—Si.

—E resultoulle fácil?

—Non. Eu non tiña nin idea de como era isto. Ao principio, estaba moi nervioso. Vas collendo confianza e faise máis fácil, pero ao principio é complicado.

—Que é o que lle pareceu máis difícil? Memorizar o guión?

—Que va, iso penso que é o máis fácil de todo. O máis difícil? Ter que pasar os dous meses que durou a gravación da película sen estar coa miña familia. Despois hai escenas que me custaron máis traballo.

—Por exemplo?

—Hai unha escena na que teño que chorar que non me foi nada fácil. Non o daba feito.

—E como se fai para chorar sen ter ganas de chorar?

—Eh.... pois non sei [risas].

—Gústalle o cine como espectador?

—Gústame o cine. E gústanme todo tipo de películas, menos as de medo. Son un cagado para as películas de medo.

—Incluso despois de ver por dentro como é que se fai unha película?

—Xa, pero é que despois disto aínda me dan máis impresión as películas. Imaxino todo como está por detrás feito e é unha pasada. O que si me pasa é que cando vexo Live is life non me dou fixado na historia, acórdánseme momentos que tiñamos de risas ou así e non hai maneira.

—Algunha película que lle guste especialmente?

El señor de los anillos, Star Wars...

—As de Marvel?

—Si, as de superheroes tamén, ciencia ficción... De todo menos as de medo.

—En que película desas che gustaría aparecer?

—En Atrapáme si puedes, de Leonardo di Caprio. Ou calquera das de Cillian Murphy, o protagonista da serie Peaky Blinders.

—E que opinan os seus pais de que queira ser actor.

—Avísanme de que é unha vida moi difícil. Se tes sorte e tes éxito entón vólveste unha persoa coñecida e iso pode ser difícil de levar. E pode pasar o contrario, que non che saia ben e que non o consigas. En todo caso, vouno intentar. Está ben ter un plan b para o caso de que non o consigas.

—E hai plan b?

—Haino, si.