Sandra Vázquez, candidata do PP de Vilalba: «Os veciños non queren obras faraónicas»
LUGO
Afirma que o goberno socialista local ten abandonada a zona rural
30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Con Sandra Vázquez de cabeza de lista, o PP conseguiu este domingo, nas eleccións municipais, ser a forza máis votada en Vilalba. Tivo 3.810 votos (496 máis ca os conseguidos hai catro anos) e oito concelleiros. Porén, nin aumentar en votos nin medrar en concelleiros, pasando de sete a oito, garanten que o PP volva gobernar na capital da Terra Chá. Un acordo do PSOE con Vilalba Aberta e co BNG pode permitir que Elba Veleiro continúe na alcaldía. O labor político é abondo coñecido para ela, pois ademais de concelleira ten un escano no Parlamento.
Comenta que durante a campaña xa notaba posibilidades de crecemento, que se fixeron máis fortes, engade, ao reunir varios centos de persoas no acto central.
-Cría, durante a campaña, que podía darse este resultado e que o PP mellorase?
-Fixemos unha campaña porta a porta, falando con moita xente. Tentei ir a todas as parroquias. Percibía que a xente tiña esa idea e que confiaba en votar ao PP.
-Pódese dicir que comezou xa a preparación para as eleccións municipais do 2027?
-Fixemos un traballo importante. Claramente, o PP gañou as eleccións en Vilalba.
-Pensa que hai un descontento da xente co PSOE en Vilalba?
-O 'despilfarro' económico pasa factura. Hai un abandono do rural. As obras faraónicas son obas que non queren os vilalbeses.
-Pode haber un tripartito que deixe ao PP fóra do goberno?
-Un pacto a tres é un pacto entre perdedores. Cando non se entenderon nin dúas forzas [en referencia ao pacto PSOE-Vilalba Aberta, que durou soamente un ano], que se entendan entre tres é máis complicado, e quen van pagar as consecuencias son os veciños.