Guido Guía fará visitas guiadas pola Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa, comezando en Friol
LUGO
![Lorena López, xerente do GDR 4 ? Comarca de Lugo; María Ángeles Buján, concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Friol e Guido Álvarez](https://img.lavdg.com/sc/n8NsLbWMI_hve42lqF9-edWkKvQ=/480x/2023/06/07/00121686148621832496936/Foto/L07J3021.jpg)
Ofrecerá desde o 29 de xullo percorridos polos concellos do GDR-4 e do centro da provincia lucense
07 jun 2023 . Actualizado a las 22:31 h.O vindeiro 29 de xullo, sábado, o GDR-4 e algúns dos concellos da comarca de Lugo e A Ulloa (Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) comezan un novo proxecto de promoción turística e cultural en colaboración co recoñecido guía e especialista en turismo lucense Guido Guía.
Será Friol, co apoio engadido do seu concello, o primeiro dos lugares onde se organicen estas actividades baixo o título «Descubrindo a comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía». Nesta primeira xornada, que será gratuíta, o punto de encontro e final do paseo guiado, que terá lugar de 11.00 horas a 14.00 horas, e será de dificultade media/baixa, será a Praza Andón Cebreiro. A maiores da ruta a actividade contará cun picnic posterior (ofrecido de balde pola organización e no que se incluirán produtos locais) e con música da comarca.
Este proxecto enmárcase nunha estratexia global do GDR-4, que xunto a Guido Álvarez Parga programan esta iniciativa que procurará poñer en valor as riquezas culturais, históricas, naturais, gastronómicas e artísticas de todos os concellos das comarcas de Lugo e A Ulloa.
Guido Guía
Guido Álvarez Parga (proxecto Guido Guía) é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios “Lucenses do ano 2020”, co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.
As inscrición para estas actividades son gratuítas, e pódense facer través do correo info@comarcadelugo.gal e do teléfono 982 238 000