O consultorio médico de Parga estará pechado durante o mes de agosto

Lucía Campos / M.G. LUGO / LA VOZ

LUGO

Exterior do Consultorio de Parga, pechado durante o vindeiro mes de agosto
Exterior do Consultorio de Parga, pechado durante o vindeiro mes de agosto ALBERTO LÓPEZ

O Concello de Guitiriz asegura que non recibiu aviso por esta decisión do Sergas

24 jul 2023 . Actualizado a las 11:13 h.

O consultorio de Parga, no concello de Guitiriz, volve pechar as súas portas, aínda que desta vez durante o mes de agosto. Este centro de saúde xa estivo sen ofrecer servizos durante 2 anos e medio por mor da pandemia e hai menos dun ano, no mes de outubro, volveu abrir con menos profesionais e cun horario máis reducido.

A decisión deste peche durante o vindeiro mes non foi comunicada polo Sergas ao Concello, encargado do mantemento do edificio xa que este é da súa propiedade. Marisol Morandeira, alcaldesa do Concello de Guitiriz, sinala que se decataron porque a persoa que fai a limpeza os avisou «dun cartel que estaba na porta e no que se anunciaba que non se ía prestar servizo en Parga durante o mes de agosto, polo que os usuarios tiñan que desprazarse ata Guitiriz».

Ademais, a alcaldesa destaca un problema engadido: «Estamos falando dunha poboación avellentada e moitos dos que viven alí en Parga ou cerca van andando se teñen algo de mobilidade, algo inviable se teñen que vir a Guitiriz». Marisol Morandeira tamén se mostra sorprendida de que ninguén os chamara para avisalos porque cando se pechou por primeira vez e cando o volveron a reabrir si que o comunicaran. 

O Concello de Guitiriz xa manifestou este problema a través dun comunicado oficial hai uns días, do mesmo xeito que a plataforma veciñal «Parga non se divide», os cales obtiveron resposta por parte do Sergas dicindo que este se pechaba porque era «un tema organizativo por mor das vacacións e que non tiñan xente para cubrir os postos», tal e como sinala o portavoz da asociación veciñal Afonso Losada. 

UN SERVIZO REDUCIDO

Actualmente, no consultorio de Parga os usuarios só eran atendidos de luns a xoves por un único médico de familia que ía rotando diariamente con outro profesional. Esta redución dos servizos tamén ocorre no centro de saúde de Guitiriz, xa que se xubilaron dous médicos recentemente e só se cubriu unha das prazas. Os usuarios de Parga terán que desprazarse ata Guitiriz, aumentando o número de pacientes nun mes onde xa hai menos persoal.

«Nós antes tiñamos dous médicos durante cinco días da semana e servizo de enfermería. A pesar da loita dos veciños para que se abrira despois da pandemia, non fomos capaces de conseguir que se restituíra o servizo completamente», explica Afonso Losada, portavoz de «Parga non se divide».

Segundo a alcaldesa Marisol Morandeira, agora mesmo non se coñece o número de persoas que empregan este servizo porque «cando se pide cita pódese escoller entre Parga e Guitiriz», mais comenta que antes da pandemia un dos médicos atendía entre 600 e 700 cartillas e o outro ao redor de 1000. 

Afonso Losada tamén engade que non cre que se «vaia facer nada por modificar a situación, ademais de que temos un servizo totalmente deficitario que está causando outros trastornos como desprazarnos de Parga a Guitiriz continuamente», algo que sucede se algún dos usuarios ten que solicitar máis dunha consulta semanal.

peche noutros centros de atención primaria

Esta situación repítese noutras parroquias da provincia lucense, concretamente en Nadela, no concello de Lugo. O seu consultorio pechou durante os meses de xullo e agosto, deixando sen servizo a uns novecentos veciños

En Nadela tamén sufriron unha redución de servizos, xa que desde o pasado mes de abril, o consultorio só abría tres días á semana durante catro horas, o que provocaba unha situación similar á de Parga, derivando os pacientes ao centro de saúde de Fingoi.