Láncara entrega a Sés o premio Ramón Piñeiro Facer País: «Falar dela é falar de patria e de ser galega»
LUGO
A poeta Luz Fandiño entregou en Láncara o recoñecemento á cantautora por «dicir o que case todos calamos»
18 nov 2023 . Actualizado a las 18:56 h.Os veciños fixeron de Láncara a casa de Sés por un día. O seu nome xa perdurará nunha pedra xunto á vella casa consistorial en Carracedo onde quedarán sinaladas no tempo aquelas persoas que viven «facendo país». A cantautora recibiu o premio Ramón Piñeiro Facer País entre loanzas e das mans da poeta Luz Fandiño: «Falar de Sés é falar da patria da que nos queren negar e falar de ser galega».
A Asociación Cultural Val de Láncara mantivo un ano máis a homenaxe a unha figura que loita por preservar a lingua e a cultura galega. Esa é a definición da cantante María Xosé Silvar. Membros de asociación, veciños, representantes públicos e persoeiros da cultura de Galicia encheron un acto «subversivo» dende o «centro do mundo»: a aldea.
A cita comezou no Concello de Láncara, onde Sés firmou no libro municipal acompañada das autoridades locais. Despois os asistentes se trasladaron ata a aldea de Carracedo, primeiro ata ponte romana e despois ata antiga casa consistorial. A entrega do premio estivo conducida por Xurxo Souto que defendeu Galicia como un pobo de artistas cun diálogo de vida con tódolos pobos do planeta mantida por apenas dous millóns de persoas. Unha delas é Sés.
A anterior gañadora do premio Facer País, a poeta Luz Fandiño, presentou a nova galardoada. Pero a súa conexión é máis especial que ser a seguinte na lista. No seu sétimo disco «Liberar as arterias», a cantante puxo voz aos versos de Fandiño. Agora a homenaxe foi ao revés.
A poeta e activista compostelá presumiu primeiro de Galicia para poder facelo de Sés. «Quixéronnos borrar a verdade da nosa terra, que non será máis bonita que ela ningunha outra». Fandiño teno claro: «Se volvera nacer sería galega ou non sería ren». Nas cancións de Sés atopou as «verdades que case todos calamos» porque «temos que educar aínda que sexa cantando, mandando mensaxes de rebeldía e dignidade». Expresando a admiración e pedindo que «non cambie nunca», Fandiño entregou a Sés unha escultura de madeira do artista Marcos Lamas.
María Xosé Silvar, que non se presenta a premios institucionais, si agradeceu o Facer País por vir da veciñanza e do pobo lugués: «Todos os homes e mulleres da aldea que seguen loitando contra o que homoxeneiza as identidades e culturas». A cantante lembrou o seu cambio a falar galego e como esa mera decisión de usar a propia lingua está totalmente politizada.
«O pobo galego permitiu que se nos fixera a pregunta de por que cantamos en galego, lexitimamos que nos fagan ser estranxeiros na nosa terra,» lamentou. Pese ao importante significado do galardón da Asociación Val de Láncara, para Sés o ideal —con retranca— sería que nin existise: «É profundamente triste que pensar, cantar e soñar na nosa lingua deba ser premiado». A cantautora rematou o acto cantado Tempestades de Sal —por estar escrita en primeira persoa de plural— acompañada das voces dos veciños de Láncara.