Lara Méndez, alcaldesa de Lugo: «A Xunta tamén pode investir na protectora de animais; que transfira fondos»

Félix Jorquera LUGO / LA VOZ

LUGO

La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez LAURA CAMPOS

Asegura que José Ramón Gómez Besteiro é o candidato ideal do PSOE á Xunta de Galicia: «É resiliente e resistente»

29 dic 2023 . Actualizado a las 13:41 h.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou onte os micrófonos de Radio Voz para facer repaso dun 2023 frenético, pero tamén para analizar o acontecido no último pleno do ano e facer as súas peticións para o que está a piques de comezar.

—Que lle pide ao 2024?

—Acadar o goberno da Xunta de Galicia é o gran obxectivo porque temos unha finalidade: transformar Galicia, igual que estamos a facer con Lugo, comezando agora coa segunda gran transformación que empecei hai oito anos e que se visualiza no aspecto físico na cidade e tamén na parte económica. Mil persoas incrementaron o noso censo, e seguimos traballando no gran obxectivo de superar os 100.000 habitantes e de mellorar a calidade de vida dos veciños. Estas melloras queremos trasladalas a Galicia, que está instalada no retrocesos. É o gran desexo para o novo ano.

—Está o señor Gómez Besteiro en facultades de poder recuperar ese liderado en Galicia que o PSOE non ten dende hai tres lexislaturas?

—Hai que contextualizar. O señor Besteiro foi apartado pola mala praxis de Elena Candia, que apartou a Besteiro da súa carreira para intentar obter a Xunta no ano 2016, cando deixou os cargos que tiña. Non debe valer todo en política nin se poden consentir estas malas praxis. Dito isto, temos o mellor candidato. Está en plenas facultades, é unha persoa cunha gran valía profesional e persoal. Neste momento de tanta crispación Besteiro é resistente, resiliente e simpático. Un cidadá máis que sabe dos problemas da veciñanza e sobre todo, como darlles solución. Estou convencida de que así o fará a partir de febreiro cun goberno autonómico. A señora Pontón non ten experiencia en xestión e o señor Rueda parece que acaba de chegar ao goberno autonómico.

—Onte foi o derradeiro pleno no Concello de Lugo, con tensión, como valora o sucedido cos voluntarios da protectora de animais que acudiron a protestar?

—Amoso todo o meu respecto á manifestación individual das persoas, incluso a amosar a súa rabia. Entendemos e compartimos as demandas que fixeron as persoas que acudiron ao pleno porque sabemos da situación da protectora e estamos intentando darlle solución. Temos un anteproxecto, que pola falta de crédito non puido ser, pero en todo caso seguiremos buscando eses fondos europeos e hai un compromiso de buscar unha ubicación para estes animais, para que teñan condicións de habitabilidade dignas. Entendendo a sensibilidade que hai dende o punto de vista de benestar animal, e somos os primeiros que o compartimos. O que non compartimos é a posición do PP. Non se pode crispar á cidadanía nin mentir ou facer demagoxia para buscar un rédito político en lugar dunha solución a un problema. A Xunta pode tamén investir nesa protectora. O PP devolve fondos europeos, que en lugar diso os transfira aos concellos, aínda que non goberne neles.

«O auditorio de Magoi abrirá no ano 2024»

—O día 30 aprobáronse os orzamentos para o 2024. Fáganos un balance.

—Dende o 2015 fomos incrementando as partidas. Chegan a 121, 8 millóns de euros para seguir con esa segunda gran transformación da cidade, con tres piares: a transformación física, a económica e a social. Todo pensando nas persoas.

—Cal foi o proxecto estrela para Lugo no 2023?

—Temos moitas noticias de impacto que levabamos anos agardando. O derribo do Garañón, a aprobación do 5% do PXOM, a finalización da estratexia Dusi-Muramiñae... O balance é tremendamente positivo. Melloramos Lugo, e tamén a vida da súa cidadanía.

—No 2024 abrirá o auditorio de Magoi?

—Iso é unha garantía. Podemos retrasarnos nos tempos, prazos e execución, porque ás veces non depende da vontade política, pero como dixen que ía derrubar O Garañón digo que abrirá o auditorio no 2024, e máis pronto que tarde.

—Que lle diría aos veciños molestos coas peonalizacións?

—Que grazas pola paciencia e comprensión. E as desculpas que xa pedimos de antemán.