A antropoloxía sempre se sentíu fascinada polos ritos de pasaxe, por esas transicións simbólicas que mudan segundo o tempo e a cultura e que poden chegar a ser máis ou menos intensas e arriscadas. Os intres importantes da vida adoitaban vencellarse, nas sociedades tradicionais, a un acto ritual; pero logo, coa chegada da modernidade, os ritos convertéronse en trámites e os antropólogos ficaron atoados por non obteren o certificado do comité de bioética
Moitos paisanos nosos teñen datas de nacemento no seu DNI que saben que non son certas. Ás veces non coincide nin o mes. Unha tía miña, que consta como nacida o 14 de setembro, sabe que naceu en agosto. Cando o meu avó a levou a inscribir o funcionario preguntoulle, botando man da retranca, se contaba levala xa andando. A lóxica era a seguinte: tratábase de evitar a multa por incumprir o prazo de inscrición e buscar o momento axeitado para desprazarse desde a aldea para facer o rexistro sen descoidar todas as outras obrigas. Adoitaban aproveitarse, por exemplo, os días sinalados, así que, como se faga un estudo estatístico en Galicia, deses que nos EEUU sitúan as datas nas que se concentran os nacementos, imos atopar unha curiosa coincidencia co calendario das feiras locais.
Estes días, os medios deron a coñecer a existencia dunha certa preocupación, nun sector da sociedade, pola obrigatoriedade do rexistro dos “currais de autoconsumo”. Non sei eu que lle parecerá o asunto a calquera desas octoxenarias ás que rexistraron na feira do mes seguinte. Agora, coa lei na man, veranse obrigadas a rexistrar as pitas que levan tendo toda a vida. Moitos argumentarán que o trámite é moi sinxelo, que pode facerse por internet, que é imprescindible para levar un control por se a gripe aviar ataca de novo e centos e centos de cousas máis. Pero a cuestión é que a xente xa está chea de entregar as súas enerxías á burocracia. Un simple trámite, seica, coma outra manchea deles; todos, tamén, imprescindibles e doados, que van esgotando o tempo que tiñamos para vivir.