Así se descifra a olería de Bonxe: un novo estudo científico e cultural aporta todas as claves
LUGO
O libro «Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá. Bonxe», preséntase o sábado 30, no marco dunha cocción no forno da cacharreira de Outeiro de Rei Pepa Lombao
24 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Rescatar, descifrar e pór en valor a tradición oleira da comarca da Terra Chá, e máis concretamente, a de Bonxe, en Outeiro de Rei, son algúns dos obxectivos do novo estudo que acaba de ver a luz e que se presentará o próximo sábado, día 30: Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá. Bonxe, coordinado por Luís Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga. Trátase dun libro froito dunha exhaustiva investigación, na que se empregaron tamén os últimos avances científicos. O acto de presentación terá lugar en Bonxe, no marco dunha cocción que haberá no forno de Pepa Lombao o sábado, que incluirá degustación de empanada e actuación musical das Cegas de Ouselle. A asistencia é gratuíta. Trátase dunha das actividades complementarias da exposición Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, impulsada por un grupo de estudosos e afeccionados á olería, pola Asociación Ceramolóxica Canaveira, a Unidade de Arqueometría da USC e a Fecyt. Pódese visitar no Vello Cárcere de Lugo ata o 17 de maio.
O novo libro, froito de anos de investigacións e cunha coidada selección de imaxes, mapas, gráficos e fotografías antigas e actuais, permite coñecer «o presente, o pasado e o futuro desta olería campesiña», en palabras de José Manuel Vázquez Varela, autor do prólogo e dalgún dos artigos. Etnografía, antropoloxía, xeografía, edafoloxía, xeoloxía, historia, arqueometría, tomografía... son algunhas das disciplinas científicas que se empregaron para analizar a olería de Bonxe, un dos catro centros de produción que operaron na provincia de Lugo (xunto aos de Gundivós, Samos e Mondoñedo) e que conforman unha tradición viva de gran valor patrimonial, que se debate entre adaptarse á innovación artesanal, resistir ou agonizar.
Centro oleiro romano
No libro fálase do proceso de produción, dos materiais empregados, os fornos, a importancia das feiras... pero tamén das causas polas que floreceu a industria oleira da Terra Chá, situada nunha contorna estratéxica, preto, por exemplo, do antigo Camiño Real que comunicaba Lugo con Betanzos ou A Coruña. Unha achega desde o punto de vista arqueolóxico tamén permitiu dar conta da riqueza histórica da zona de Bonxe, que é centro oleiro, polo menos, desde a época romana, e mesmo no que se documentou presenza cerámica desde o Neolítico.
Por outra banda, unha das novidades deste proxecto é o emprego da arqueometría (análise física e química) e da tomografía (análise non destrutiva das pezas), moi útiles cando hai ausencia de vestixios escritos ou as fontes orais son insuficientes. Dous capítulos dedícanse a estes estudos, que permitiron dar a coñecer así o tipo de materiais utilizados, a que temperatura se coceron as pezas, que función desempeñaban, cal é a súa procedencia, volume, porosidade, fendas...
Ademais de Hixinio Flores, Orlando Viveiro e José Manuel Vázquez, o libro recolle artigos de A.L. Vázquez Rodríguez, Francisco Alonso Toucido, María Pilar Prieto Martínez, Óscar Lantes Suárez, Aida González Pazos e Beatriz Guimarey Fernández.
Outras actividades
Coccións
· Sábado 30. Cocción en Bonxe (Forno Pepa Lombao). Preparación do forno: 11.00-14.00. Tarde: cocción, degustación de empanada e actuación musical das Cegas de Ouselle. Presentación do libro «Formas tradicionais da cerámica popular. Terra Chá. Bonxe», coordinado por Luís Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga
· Sábado 20 de abril. Cocción en Samos (Forno de Lulle, Roxofrei).
· Sábado 11 de maio. Cocción en Gundivós (Rectoral de Gundivós, Casa Elías)
Conferencias
· Xoves 11 de abril, 18.00. «Os primeiros oleiros lucenses», Adrián Folgueira, Roberto Bartolomé e Enrique Alcorta
· Xoves 18, 17.00-18.00. «Una etnografía desde la arqueología. Investigaciones en los alfares tradicionales de la cerámica de Faro (Oviedo)», Alfonso Fanjul Peraza
· Xoves 25, 18.00. «Principais características e diferenzas das pezas producidas nos centros alfareiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós», Asociación Ceramolóxica Canaveira
· Venres 10 de maio, 18.00. «Un viaje por la tinajería española. Las ámboas, una pieza con personalidad propia», Alfonso Romero
Visitas ONCE
· 11 de marzo.
· 20 de marzo.
Visitas Centro Penitenciario de Bonxe
· Miércoles 3 de abril. Visita guiada para os reclusos, con Hixinio Flores como guía