
O tema «Guateke Turras» xa se pode escoitar nas principais plataformas musicais
20 may 2024 . Actualizado a las 11:17 h.O grupo lucense Verter Gz presentou a súa nova canción, Guateke Turras, que pode escoitarse nas principais plataformas musicais. O tema, interpretado por Verter Gz e Mister Myr, ten unha base de cumbia e a letra está inspirada «nos amigos que che dan a turra cando estás de festa», explican desde o grupo. O vídeo, que se pode ver en YouTube, conta coa participación do actor galego Pepín Bermúdez. Producido por Ollo de Vidro e dirixido por Mario Pereira, conta coa axuda na realización de Andrea Parapar, Pablo Parapar e Mario Pereira.
Segundo explican Fiz Ouro e Miguel Varela, os compoñentes de Verter Gz, «participamos nun concurso organizado por Mister Myr, no que tiñamos que escoller unha das súas bases, gustounos a cumbia Guateque Turro e fixemos a letra inspirada neses amigos que todos temos que che dan a turra cando estás de festa. E gañamos un dos premios».
A música de Verter Gz é unha amálgama de estilos, desde ska con toques de trap ata merengue e baladas, mesmo cunha polka pendente de lanzamento. «Guateke Turras é unha cumbia, mais facemos un pouco de todo, sempre fusionando música con humor, un dos nosos rasgos característicos», din. Verter Gz naceu no 2020, da man de Fiz Ouro e Miguel Varela. Participaron no concurso da canción do verán de TVG e quedaron finalistas con Se non temos festa. O seu primeiro EP, Perfecta espiral de ideas absurdas, saíu no 2022. Verter Gz é un dos 12 artistas do Sonemerxente, a aceleradora cultural de proxectos musicais da Xunta.