O Festival de Pardiñas preséntase na Coruña: «Todas as artes están presentes»
LUGO
O programa ofrece, un ano máis, una gran variedade de propostas artísticas
24 jul 2024 . Actualizado a las 20:41 h.Non era nada raro, hai décadas, que coruñeses tivesen casa en Guitiriz, nin hoxe resulta raro que guitiricenses acudan á Coruña por moitas razóns. Non sorprende, pois, que a principal cita de Guitiriz, o Festival de Pardiñas, se presentase nesa cidade no mediodía deste mércores. Así ocorre dende hai anos. O acto serviu para lembrar as moitas actividades dun festival que ofrece música pero tamén moito máis: «Todas as artes están presentes», dixo Alfonso Blanco, coordinador da Asociación Cultural Xermolos, que o organiza dende o comezo.
O festival, que chega ás 45 edicións cun programa no que a variedade semella garantida, terá lugar do 2 ao 4 de agosto. Pauliña ou Loita amada amosan a presenza galega no escenario, e Gwendal, que por primeira vez estará presente en Guitiriz, reflicte que a pegada folk segue a ser forte. Porén, como salientou Alfonso Blanco, non só os afeccionados á música están chamados a achegarse a Pardiñas.
A Mostra de instrumentos e a de artesanía teñen gañado sona e prestixio dentro e fóra de Galicia hai xa anos. Ademais, ao programa fóronse incoporando actividades que xeran interese en todo tipo de público, dende os cantos de taberna ata o torneo de billarda pasando polo encontro de regueifeiros.
Neste caso, ademais, o interese por dicir e retrousar está a medrar na comarca da Terra Chá, como se comproba nas actividades que organiza o IES Basanta Silva. A oferta artística, por outra banda, mestúrase coa contorna. O balneario de Pardiñas, coa súa abondosa vexetación, anima a gozar nun ambiente que Blanco define como de «fraternidade»: «A nai terra convídanos a celebrar», afirmou.
Como lembou este mércores Blanco, Pardiñas convértese cada ano nun lugar ao que acoden milleiros de persoas de idades variadas, xa que un dos curiosos trazos é que moitos dos que comezaror a acudir nas primeiras edicións traspasaron esa afección aos fillos, que hoxe son fieis espectadores.