O salto imposible

MARÍA L. SÁNDEZ

LUGO

01 ago 2024 . Actualizado a las 20:52 h.

A cita recorrente co tour de Francia é indisoluble das sobremesas do mes de xullo e, cada catro anos, cando volven os Xogos Olímpicos, é imposible non retrotraerse a esoutros veráns que ficaron marcados por unha reviravolta sobre o xeo, ou pola forza do atletismo, ou a beleza dunha fita guindada ao aire. Vemos a Simone Biles executar un salto imposible e regresamos á nena que seguía hipnotizada a Nadia Comaneci.

As redes sociais funcionan como repositorio da memoria e nelas vértese a saudade dunha xeración que vive demasiado rápido e que intúe o que está perdendo para sempre: por iso estes días volveu circular o dez perfecto de Comaneci, aquel primeiro e sorprendente dez do ano 1976, cando ela tiña catorce anos e voou sobre as barras paralelas coma o faría un anxo. Anos máis tarde, na súa despedida dos Xogos Olímpicos, no seu derradeiro chouto, precisaba outro dez para facerse co ouro. Lembro todos os detalles: o seu rostro de absoluta concentración, a cravada e o inmenso sorriso ao erguerse sabendo que acababa de executar a perfección. No deporte conflúen elementos tan humanos como a emoción, a motivación, a competición e a beleza. Por iso nos fascina.

Algún día, nenas e rapaces que hoxe seguen os Xogos Olímpicos observarán a outros deportistas que aínda non naceron e lembrarán a Simone Biles e aos que hoxe os asombran. Asistirán a unha inauguración que non podemos nin imaxinar e evocarán aquela magnífica cerimonia de París nun ano 2024 que terán deixado atrás (e nel, prendidas, as súas lembranzas de infancia e xuventude). Velaí o auténtico salto imposible. Así transcorren as nosas vidas, sempre cara adiante, mais entrelazadas con eses intres que nos fan sentir que hai estampas de enorme beleza e perfección, coma o dez de Comaneci, coma o voo certeiro dunha gaivota que atravesa un inmenso ceo azul.